O BNG PROPÓN DO CONCELLO DE FOZ A ADHESIÓN Á PLATAFORMA CIDADÁ “QUEREMOS GALEGO”
“O Concello de Foz debe estar á vangarda na defensa do noso idioma”, di Basanta
Foz a 13 de novembro de 2009.- Como todo o mundo sabe, QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o noso idioma non goza aínda da presenza desexada.
Desde o BNG de Foz cremos que o Concello debe apoiar a Queremos Galego diante da difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto como reflicten todos os estudos elaborados ata o momento. A esto únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura. Medidas como por exemplo derrogar o decreto do uso do galego no ensino, excluir ao galego das oposicións ou reducir as axudas á promoción do galego.
Par o BNG, o Concello de Foz debe situarse á vangarda na defensa do noso idioma, elemento central da nosa identidade colectiva, e a mobilizarse se fai falta en contra da actual política lingüística do goberno galego que ten creado unha grande preocupación en amplos sectores da sociedade, independentemente das súas afiliacións ou simpatías.
Por todo isto, o BNG propón o acordo de que o Concello de Foz se adhira á “Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO”. E propono desde a convicción de que a actual situación de retrocesos legais, desprotección dos nosos dereitos lingüísticos ou cuestionamento de consensos básicos arredor do idioma que custou o seu traballo construír, non gusta a unha inmensa maioría da sociedade galega, que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade.