Nota de Prensa e Moción Porto de Alcoa
Veiga defende a iniciativa como unha alternativa económica estratéxica.
O BNG presenta mocións en todos os Concellos pola a apertura do dique norte.
O Bloque Nacionalista Galego vai presentar unha moción no conxunto dos Concellos da Mariña a fin de que os plenos das Corporacións Mariñáns se dirixan ao Goberno do Estado para que faiga efectivo o acordo da Cámara Baixa do 25 de Setembro de 2008 onde se comprometía a iniciar conversacións con Alcoa para apertura do Dique Norte. Na mesma iniciativa os nacionalistas demandan da Xunta de Galiza que aumente a representación lucense no Consello de Administración da Autoridade Portuaria a fin de homologar a representación mariñá co peso que o Porto de San Cibrao aporta a autoridade portuaria en ingresos e fletes.
Os nacionalistas consideran central esta actuación na lóxica de que vai xerar unha dinámica de concentración crecente de empresas, de liñas e de redes marítimas;esta concentración reforza as áreas xeográficas económicas e determina a ampliación ou o recorte das fendas económicas; asemade a redistribución de fluxos acentúa os nos marítimos por medio das redes marítimas, isto é, amplifica a centralidade -terrestre por medio das redes marítimas en proveito de mercados emerxentes e da internacionalización da nosa economía.
O BNG quere destacar que dotar a comarca da Mariña dun grande porto comercial, como o que permitiría a liberalización do dique norte cunha liña de atraque para buques de ata 62.000 Toneladas, significaría que o complexo portuario de San Cibrao deixase de ser un ente pasivo dentro do fluxo de mercadorías para converterse en activo, pois planifica o desenvolvemento, e integra a maior area de influencia. Na mesma liña isto posibilitaría que o complexo portuario de San Cibrao deixase de ser un territorio illado para pasar a integrarse es espazos de ámbito loxístico, fomentando a prestación de servizos de distribución e de operacións que agregan valor ás cargas. Xa por último esta actuación permitiría que o porto deixase de ser exclusivamente un punto nodal de coordinación de procesos para pasar a converterse nun lugar de concentración de produción e integrador de servizos avanzados para a formación de mercados.
Moción Porto de Alcoa
———————-
EXPÓN
O Porto Comercial de San Cibrao construído no seu momento polo INI, a dia de hoxe explotando en réxime de monopolio pola multinacional Alcoa para o que conta cunha concesión até 2023, utiliza unicamente o dique sul, o que significa o non aproveitamento do dique norte para a sua utilización para o transito comercial.
A este respecto débese ter en conta que a posta en funcionamento do dique norte, tal como consta en diferentes estudos e anteproxectos a elaborados,nalgúns casos por organismos públicos, significaría habilitar un peirao de atraque de 500 metros ao longo do dique norte que permitiría a entrada de mercantes de 62.000 toneladas implicaria un investimento do arredor de 9 millóns de euros.Neste sentido hai que ter en conta que no Porto de San Cibrao nos últimos 10 anos a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao arredecadou 18,8 millóns de euros, case 2 millóns de euros anuais, o que permitiría que a actuación se financiase con fundos próprios.
A ninguén se lle escapa o papel activo que está infraestructura xogaría na dinamización económica do norte galego, abaratando os gastos de loxística de boa parte do sector industrial da zona que se ven obrigados a utilizar os Portos de Vigo, Coruña e Gijón, frenando a fuga de determinados divisións do noso tecido empresarial que se están desprazando cara Coruña e maioritariamente a Gijón e abrindo novas posibilidades de negocio.
O Porto de San Cibrao, hoxe limitado o seu dique sul, xenera o 47,5% da cota total de negocio da Autoridade Ferrol-San Cibrao, agora ben co actual sistema tarifario definido a nível estatal aproximadamente a metade dos fundos recadados en concepto de canóns e taxas polas diferentes Autoridades Portuarias son absorbidos directamente por Portos do Estado, para o chamado Fundo de Compesación, o que representa un auténtico expolio para o conxunto dos portos galegos de interese xeral , que fican cun 40% do recadado e que a sua vez son perxudicados polo reparto efectuado do fundo de compesación que recae nun 80% nos portos de Bilbao, Barcelona, Valencia e Algeciras.
A propria liquidación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2007 ou a Memoria do referido exerzizo da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao son ben elocuentes da situación que vimos de referir. Así mentras que Portos do Estado investiu no período referido na Galiza 77,3 millóns de Euros o único dos Portos Galegos de Interese Xeral que ficou sen investimento público foi o de San Cibrao, cando o seu movemento de mercadorías situase nos 5.033.638 Toneladas máis que o Porto de Marín e case o 49% da totalidade da Autoridade Portuaria a que esta inscrito.
Asemade a representación luguesa na autoridade portuaria é escasa non correspondendose co peso que en termos de fletes e aportacións económicas representa San Cibrao para o conxunto da mesma. A pesar das queixas reiteradas que por parte dos axentes sociais da Mariña se ten feito ao respecto, na modificación da composición da mesma que ven de formular o Consello da Xunta esta non aumenta, o que sitúa a nosa zona nunha posición de desventaxa fronte a outra infraestrutura portuaria.
A posta en funcionamento e a liberalización do dique norte de Alcoa ten un carácter estratéxico para o conxunto do norte galego, na medida que nos conecta coas autovías marítimas europeas, permite superar a situación de excentralidade do Cantábrico galego e opera de iman e palanca para a totalidade dos noso tecido productivo. A transferencia a Galiza dos Portos de Interese Xeral vai moito máis ala de por fin ao espolio que representa o actual modelo tarifario estatal, xa que significa pór en valor o sistema portuario galego a traves da súa racionalización e especialización mediante a conformación dun pool que se aproveite da posición privilexiada de Galiza en relación co tránsito marítimo internacional.
Á vista destas consideracións o 25 de Setembro de 2008 o Congreso dos Deputados aprobaba por unanimidade iniciar os tramites para a liberalización do dique norte do Porto de San Cibrao, facéndose eco das posicións nesta dirección do conxunto das forzas sociais e políticas da Comarca, así como dos posicionamentos neste sentido das Corporacións Mariñáns, da Deputación de Lugo e do Parlamento de Galiza, dándose un prazo de tres meses para iniciar as negociacións coa empresa concesionaria. Á altura de Xuño de 2009 o Ministerio de Fomento, de quen depende Portos do Estado, contestaba por escrito en sé parlamentaria que non se procedera a dar comezo as negociacións descoñecéndose a día de hoxe en que estado se atopan estas ou mesmamente se teñen comezado.
SOLICITA
1º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicita que o Pleno da Corporación acorde instar ao Ministerio de Fomento a que de conta do estado no que se atopan as negociacións coa empresa concesionaria. Asemade, no caso de que estas non se iniciasen, solicitase que se inicien de inmediato.
2º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicita que o Pleno da Corporación acorde instar ao Consello da Xunta a que proceda aumentar a representación lucense no orgao reitor da Autoridade Portuaria, en concordancia coas aportacións que o Porto de San Cibrao fai a mesma.
3º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicita que o Pleno da Corporación de traslado do primeiro punto do presente acordo ao Ministro de Fomento, ao Presidente de Portos do Estado e aos Grupos Parlamentarios con representación no Congreso dos Deputados.
4º) O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicita que o Pleno da Corporación de traslado do segundo punto do presente acordo ao Presidente Xunta e aos Grupos Parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia.