Nota de Prensa
O BNG ESIXE 3.500.000 MÁIS NOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA CUMPRIR CON FOZ
“Hai obras que non poden esperar coma o Centro de Día”, afirma Basanta
O BNG de Foz xa ten valorado os orzamentos da Xunta como practicamente nulos no que respecta ás inversións previstas para o Concello de Foz. Por iso elevou ao grupo parlamentar do BNG as propostas de emenda a presentar aos orzamentos do 2010 da Xunta no que respecta a Foz.
“O mínimo para cumprir con Foz”
O BNG emendará os orzamentos para que se inclúan obras por un montante de 3.500.000 €, moitas delas prometidas por representantes conservadores, particularmente o deputado provincial Sr. Balseiro ou o portavoz municipal, o Sr. Cao. Hai tres obras fundamentais que están reclamando moita urxencia: un Centro Residencial de Día, a construcción de 200 vivendas protexidas e un Servizo de Urxencias de 24 horas no Centro de Saúde. Para estas obras solicitase que se habiliten partidas de, 1.000.000 €, 1.200.000 € e 250.000 € respectivamente. Particularmente urxente é a construcción da Residencia e do Centro de Día pola demanda que hai e pola grave situación económica que ten actualmente o Asilo de Foz. Tamén se nota en falta unha partida finalista para a apertura da Galescola que ciframos en 300.000 € para que se cumpra o compromiso da Consellaría de Benestar de abrila no primeiro trimestre do ano que vén. No apartado de cultura propomos que se inclúan partidas para poñer en marcha o Centro de Interpretación do Románico (300.000 €) -situado a carón da Basílica de San Martiño- que xa está rematado e só falta dotalo tanto de material como de persoal e tamén para o mantemento e a ampliación do Castro de Fazouro (200.000 €).
Outras obras que deberían contemplarse son a da limpeza dos ríos, a mellora do saneamento e funcionamento das depuradoras ou medidas para o pequeno comercio. Todas estas inversións sumarían un total de 3.500.000 €, que para o BNG sería o mínimo que o PP tería que dedicar a este concello para quedar ben diante do pobo de Foz.
“Só fai falta un voto, Sr. Balseiro”
Esperamos que os cargos do PP se apliquen o conto que repetían por activa e por pasiva cando estaban na oposición posto que “só fai falta un voto dun deputado do PP para que estas obras se realicen”. Se non é así é que ou enganaban á xente ou é que non teñen ningunha intención de investir en servizos públicos e en mellorar a calidade de vida dos focegos, ou as dúas cousas á vez.