Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove propoñerá ao pleno pedir o ” Goberno do Estado a reforma urxente do financiamento local”

Nota de Prensa

O financiamento local

Marco López, responsábel local do BNG de Xove, incidiu onte no argumento de que desde a Xunta de Galiza, por causa da crise económica e a falta de políticas eficaces para atallala a pesar das “promesiñas” vertidas polo PP hai poucos meses, afianzouse unha redución do capítulo de impostos indirectos e de taxas e prezos, polo que “desde o BNG de Xove consideramos que esta redución non debería afectar aos ingresos que percebe o noso concello” e que é necesario garantir que este ano Xove reciba as cantidades previstas.

O representante da formación nacionalista en Xove argumentou que mentres que os concellos galegos perciben 176,54€ por habitante, a media do conxunto do Estado “mete no peto 221,07€”. Isto, segundo Marco López, ven ratificar que o financiamento dos concellos desde o Estado é inxusto ao ter só en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%), obviando que os custos dos servizos esenciais son máis elevados aquí por mor da dispersión e o avellentamento da poboación: “Adoitan esquecer que, por exemplo, o noso concello ten oito parroquias: Monte, A Rigueira, Lago, Sumoas, Portocelo, Morás, Xuances e o propio Xove; e que todos os municipios galegos superan con moito a distribución poboacional que impera máis aló do Padornelo”, polo que estes factores non fan outra cousa que encarecer os custos da prestación dos servizos básicos.

Por iso desde o BNG de Xove vaise instar no vindeiro pleno municipal, convocado para o luns día 16 de novembro, que se demande do Goberno do Estado a reforma urxente do financiamento local de maneira que o novo modelo incremente a contía da participación nos ingresos do Estado e que esta participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza.

Exit mobile version