Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro critica que a Xunta adíe sen data a estrada de San Cibrao a Ferrol

NOTA DE PRENSA
PARA O BNG “VIVEIRO TEN QUE REAXIR , NON PODEMOS SEGUIR MARXINADOS”

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro considera que as manifestacións feitas polo Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, no marco da presentación pública das actuación do seu departamento na provincia, supoñen unha auténtica labazada aos veciños e veciñas de Viveiro. Afirmar que “ se ben o tramo San Cibrao-Celeiro estaría rematado no horizonte de 2013, tanto a variante de Viveiro como o tramo Viveiro – O Barqueiro non estaría rematado ate 2017” non pode deixarnos sen resposta.

“ Temos que reaxir, non podemos ficar calados e seguir marxinados—afirmou o concelleiro nacionalista Xosé Antonio Goás Basanta—xa que Viveiro nestes momentos é a localidade con peores comunicacións e a política do Partido Popular vai camiño de perpetuar a situación”.

Para o BNG, os veciños e veciñas de Viveiro están fartos de tanto aprazamento. Ou é que non se comprometeron, no 2001, sendo Cuiña Conselleiro e Cascos, ministro do Goberno Español, a que o remate da VAC Barreiros – Ferrol sería no 2007? E cantas veces ten anunciado o señor Nuñez Feijoo, sendo conselleiro do Goberno Fraga, o comenzo do tramo Landrove-Xove da VAC?

E os alcaldes do PP non se lembran xa da súa concentración diante do Concello de O Vicedo cando os orzamentos tiñan máis dotación para esta obra? Que van facer agora cando o Goberno que apoian reduce nun 75% as aportacións para esta importante vía de comunicación?

O BNG de Viveiro, considerando que hai un incumprimento dos prazos por parte das administracións comprometidas na obra e que compre un impulso inversor e a definición dun cronograma que garanta prazos de execución, defenderá unha Moción para que a Corporación Municipal de Viveiro inste á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a que procedan a acordar un cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitan rematar a Vía de Alta Capacidade Barreiros-Ferrol no horizonte de 2014.

Exit mobile version