Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo critica a difusión de falsedades por parte dos concelleiros do PSOE e UPRI

NOTA DE PRENSA
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO

Unha vez máis púxose de manifesto que os catro concelleiros do BNG, que desde o goberno municipal están a sacar adiante o Concello de Ribadeo, posúen capacidade suficiente para defender con firmeza o seu labor e ao mesmo tempo teñen disposición abondo ao diálogo e o acordo entre partes. Así se puido ver no pleno do pasado luns 11 de novembro.

Ante as ocorrencias rechamantes dalgúns membros da oposición respóndese coa verdade por diante en forma de documentación aportada desde os distintos organismos afectados. Pero hai a quen non lle serven esas explicacións oficiais, negro sobre branco. Quizá porque desmontan as súas ocorrencias rechamantes? Mesmo se permiten dubidar dos procedementos establecidos para emitir informes relativos ás actuacións de Intervención. Agora non lles vale o que se fundamente (ben por escrito, ben cos seus propios actos administrativos) desde Intervención do Concello de Ribadeo.

Curiosamente, todo o que nun primeiro momento insinuaban descaradamente, “pagos ilegais”, agora din que nunca se referiron a tal cousa, que tan só queren saber da legalidade da maneira de proceder. Semella que andan a remexelo todo á procura dalgún defecto formal que lles permita poñer en cuestión todo o proceso. Din que nunca dixeron nin insinuaron nada referido a ningún concelleiro ou concelleira, mais entre dentes encirran contra o traballo feito, neste caso por Horacio Cupeiro, noutros aféctalle a Mari Luz Álvarez Lastra, a Vicente Castro ou o propio alcalde, Fernando Suárez Barcia. O que ocorre é que obras son amores… e non boas razóns. Aí están os 200.000€ para o núcleo de sostibilidade, o bo funcionamento da EMMDR, a limpeza de camiños que se está a empezar en Couxela…

Esta actitude irresponsábel por parte dos concelleiros do PSOE ribadense vai unida á complicidade manifesta coas actuacións de UPRI en asuntos tan pouco serios como a proposta de cambio de ubicación do centro de día para a atención de enfermos de alzhéimer e do albergue de peregrinos, ou as críticas irresponsábeis e desenfocadas feitas sobre o funcionamento da Escola de Música. Queda a triste sensación de que os representantes do PSOE no concello de Ribadeo perderon o norte. Ogallá as súas bases (militantes, simpatizantes e votantes) lles fagan entrar en razón e levar a cabo unha oposición seria e construtiva, que no seu dereito están.

Exit mobile version