Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz avisa ao goberno do perigo da pista costeira en Fazouro

NOTA DE PRENSA
O BNG REITERALLE AO GRUPO DE GOBERNO DO PERIGO DA PISTA COSTEIRA EN FAZOURO A PUNTO DE DERRUBARSE

O BNG xa denunciara hai meses a situación sen que o goberno fixera absolutamente nada

Foz, a 26 de novembro de 2009.- O BNG manifesta novamente a súa preocupación polo mal estado da pista que vai paralela á costa de Fazouro –entre a praia da Pampillosa e de Arealonga- nun punto concreto que coincide cun entrante do mar que pola súa acción xunto coa calidade do terreo e as choivas caídas provoca que se vaia esbarrigando. Dita pista é unha vía de comunicación interior da zona costeira de Fazouro que utilizan moitas persoas tanto para desprazarse cos seus vehículos como andando. O perigo de accidentes aumenta notablemente de noite ao non existir ningún tipo de visibilidade nesta zona.

Hai tempo xa que o BNG denunciara esta situación ao goberno municipal a través dun rogo en pleno, pero hai que dicir que desde aquela non moveu un só dedo para tomar medidas e restaurar o estado da vía. Tanto é así que foron os propios veciños quen puxeron unhas estacas con cintas de plástico a modo de sinalización como medida de advertencia, cintas que xa desapareceron polo paso do tempo. Esto demostra unha vez máis que o goberno municipal está situado na máis absoluta inanición, máis preocupado por facer que fan e con liortas entre eles, que por resolver os múltiples problemas que os veciños teñen.

Mentres non se faga efectiva unha solución definitiva –que pasaría por reforzar o firme ou desviar a estrada- o que desde o BNG pedimos urxentemente é que alcalde tome medidas de precaución e sinale adecuadamente o lugar, advertindo con sinais reflectantes o perigo deste punto e cortando parte da calzada se fose necesario.

Exit mobile version