NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG CONSIDERA QUE A POSTA EN MARCHA DUN PLAN SECTORIAL MUNICIPAL DEMOSTRA QUE ANTES NON HABÍA SERVIZOS NESAS ZONAS DE COSTA. OS NACIONALISTAS DIN QUE O CONCELLO TEN QUE RECOÑECER AGORA ESA EVIDENCIA E EXPLICAR QUEN SE FARÁ CARGO DO CUSTE DE DITOS SERVIZOS.
Barreiros, 2 de novembro de 2009. O grupo municipal do BNG de Barreiros cre que si agora se vai poñer en marcha un plan sectorial supramunicipal para dotar de servizos á zona de costa, eso demostra que antes non existían tales servizos. Os nacionalistas din que o Concello ten que recoñecer esa evidencia.
Os nacionalistas consideran que “coa decisión da Xunta de desbloquear a nivel legal e xurídico a actividade urbanística en Barreiros, estase a recoñecer implícitamente que a paralización do ano 2006 estaba motivada. Se agora se pretenden desenvolver plans sectoriais para a zona de costa (San Miguel de Reinante, San Cosme, San Pedro de Benquerencia e Santiago de Reinante) que implican a execución de obras para consolidar como urbanos os terreos neses núcleos, isto quere dicir que antes non eran solos urbanos consolidados, que non existían servizos e que os volumes e a edificabilidade eran totalmente desproporcionados cos escasos ou nulos servizos existentes”.
Desde o BNG sinalan que “o Concello ten que ser bastante claro e recoñecer esta evidencia e o ten que recoñecer tamén toda a sociedade barreirense e a sociedade mariñana ten que saber o que ocorreu aquí, e eso é o que queremos aclarar. Si agora se está a poñer enriba da mesa un plan sectorial supramunicipal para dotar de servizos a esas zonas é que antes non existían eses servizos, entón esa suspensión independentemente de que estivera xustificada legalmente ou non o que sí estaba era motivada, e quenes argumentamos nese sentido algunha razón teremos. E desde o BNG sempre nos gustou atallar as cousas directamente e sempre nos gustou dicir a verdade e non andar con medias tintas. Outros escudáronse na fácil demagoxia”.
Os nacionalistas cren que “agora o que fai o PP é en certo modo rectificar e recoñecer que non había os servizos en Barreiros. Nós sempre dicimos que o PP só acerta cando rectifica, e éste é un caso bastante palpable. E non entraremos agora a discutir polo miudo todos aqueles informes xurídicos desfavorables que se emitiron desde a secretaría do Concello porque recoñecían esa evidencia, que non había eses servizos, e nós sempre acreditamos e seguiremos defendendo un modelo urbanístico racional e sostible, que é aquel que pon primeiro os servizos e despois os edificios”.
O grupo municipal do BNG di que “agora o Concello terá que explicar aos veciños quen vai pagar todo eso. Si o vai pagar o erario público cos cartos de todos, independentemente de que sexan ou non beneficiarios directos da actividade urbanística ou si se vai pagar cos cartos de todos para beneficiarse uns pouco nada máis. É un tema moi importante para debatir e para informar á sociedade barreirense”.
Desde o BNG aseguran que “as parroquias do interior, que son sempre as esquecidas por este goberno do PP se están a preguntar e ¿dos nosos servizos qué? ¿imos ser cidadáns de segunda, non imos ter beirarrúas en moitos núcleos en solos urbanos? ¿nós non imos ter saneamento? Esas son as respostas que ten que dar o Concello tamén ás parroquias do interior porque son os contribuintes que están aquí todo o ano e que pagan aquí os seus impostos”.
Conclúen no Bloque Nacionalista Galego apuntando que “todo esto ocorre porque o PP de Barreiros fixo caso omiso ás demandas que lle facíamos de elaborar un plan xeral para que Barreiros tivese un crecimento armónico e sostible. Non o fixo así e agora hai que andar con parches”.