Site icon Crónica3.com A Mariña

O artista mariñán Fernando F. Páez presenta unha escolma das súas fotografía no Museo Provincial

LUGO .- O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este xoves, xunto coa directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, na inauguración da exposición “Ás portas de Rinlo” do artista Fernando F. Páez quen tamén estivo presente no acto. A mostra, composta dunha escolma de 12 imaxes, pretende amosar a beleza do vernáculo e da paisaxe histórica reclamando actuacións que respecten a memoria e manteñan viva a identidade local dos núcleos máis tradicionais do país. Unha proxección audiovisual e a edición dun catálogo no que se inclúen 50 imaxes deste autor completan a oferta divulgativa dunha exposición fotográfica que permanecerá na capital lucense ata o vindeiro 29 de novembro.

A través destas 12 instantáneas, o espectador é quen de afondar nun excelente rexistro etnográfico e arquitectónico da atmosfera e psicoloxía do pobo de Rinlo (Ribadeo). Coa escolma que se presenta no Museo de Lugo, o fotógrafo ofrécelle á sociedade a posibilidade de percibir doutro xeito as marcas que o paso do tempo deixa nas persoas e nos lugares da Comarca da Mariña. Alén disto, Antonio Veiga salientou que esta mostra reflicte o xeito de vida dos veciños dun lugar peculiar da costa lucense a través dos rostros dos seus mariñeiros, das súas mariscadoras, das súas casas ou das paisaxes que definen esta zona. Para o nacionalista, este proxecto expositivo é un exemplo máis do amplo e variado patrimonio cultural inmaterial que existen e Galiza e que “debemos preservar e potenciar” en favor da identidade cultural do propio país.

A exposición “Ás portas de Rinlo” forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC” que persegue a difusión, defensa e conservación dos valores patrimoniais deste lugar e tamén a súa declaración como Ben de Interese Cultural na categoría de “Lugar Etonográfico”. No mes de agosto, esta mostra fotográfica estivo exposta no Forte de San Damián, por iniciativa da Concellería de Cultura de Ribadeo, sobrepasando as 1500 visitas nun prazo inferior aos 15 días. Logo disto, no mes de outubro, esta escolma de instantáneas permaneceu na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, situada na Casa da Conga, acadando tamén un gran número de visitas durante a súa estancia en Compostela.

Exit mobile version