RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de solicitar un encontro co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, coa intención de coñecer cales son as previsións da Xunta para a creación do xulgado de primeira instancia e instrucción da vila.
O rexedor sinalou que “de todos os asuntos que temos enriba da mesa hai un que aquí no Concello xa está provocando certa apatía como é o tema do xulgado de primeira instancia e instrucción. Sempre, tanto o PP como o PSOE, prometen que o van impulsar, que si na reforma do poder xudicial, que si na modificación da lei de planta… A Xunta no mandato anterior, o propio conselleiro socialista Méndez Romeu dixo que ía propoñer no ano seguinte que o xulgado de Ribadeo fose unha realidade, eso pasou, non se fixo absolutamente nada e agora con tristeza vexo como ante as propostas que fixo a Xunta non aparece o xulgado de Ribadeo”.
Fernando Suárez engadiu que “sendo xa pouco crédulo neste sentido pedín unha xuntanza co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, para que nos digan a verdade, si van apostar polo xulgado de Ribadeo, si eso é verdade e si o van facer nun prazo cortísimo de tempo, ou si pola contra nos temos que adicar a resolver outros problemas que lles afectan aos nosos veciños, porque o do xulgado de Ribadeo é un pouco de comedia e aquí xa empezamos a estar fartos. E eu dígoo como voz da tanta xente que me comenta o tema do xulgado, que é algo que Ribadeo nunca debeu perder, eso ocorreu nos anos 60 do século XX, que é unha necesidade por poboación, por servizos, por necesidade… e que todo é decir, pero ninguén da o paso”.