RIBADEO (FNC) .- A Dirección General de Costas ven de adxudicar as obras de execución da enseada da Vilavella e a redacción do proxecto de recuperación da antiga ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Trabada. O alcalde, Fernando Suárez, sinala que “son dúas moi boas obras para Ribadeo desde o punto de vista económico e tamén polo que van potenciar o turismo”.
A execución inmediata das obras da enseada da Vilavella foille adxudicada á empresa Alvac por casE dous millóns de euros, e Euroconsult será a firma que se encargue da redacción do proxecto da recuperación da antiga ruta do tren mineiro, entre Ribadeo e Trabada. O presuposto neste caso é de 101.000 euros.
Suárez Barcia dixo que “indo ao que vai ser a execución de obras inminente do que é a recuperación medio ambiental de toda unha zona costeira que empeza pola praia de Os Bloques, que segue pola enseada da Vilavella e que vai rematar na curva das Aceas coa recuperación dun muíño de mareas. O prazo de execución destas obras é de ano e medio. O primeiro que se fará serán traballos de mellora na praia de Os Bloques, vaise recuperar o antigo estaleiro da Vilavella que será reconvertido en hangares para remo, piragüismo… vanse restaurar as ramplas do varadoiro, vaise recuperar o edificio principal da fábrica da Vilavella, o que comunmente se denomina como fábrica de algas, e despois vaise construír unha senda peonil entre o borde litoral e a estrada nacional que vai a Lugo”. O rexedor seguiu a relatar que “se fará a un nivel intermedio entre a beira do mar e a estrada unha senda peonil duns tres quilómetros de lonxitude que irá dar ao que é o antigo muíño de mareas nas Aceas que tamén se recuperará con finalidade didáctica, educativa e turística. Esta inversión vai vir moi ben para recuperar toda esta zona esquecida que moita xente de Ribadeo non ten a capacidade de ver, porque está oculta e porque o acceso é dificultoso. E de cara ao turismo será un referente moi importante”.
O alcalde de Ribadeo tamén destacou a importancia da redacción do proxecto de recuperación da antiga ruta do tren mineiro. Fernando Suárez sinalou que “terán un ano para facer esa redacción e facer unha das obras de turismo máis importantes que se teñan feito nunca en Ribadeo. Posibilitará conectar Ribadeo e Trabada, recuperar outra vez a ruta do tren mineiro que se inaugurou no 1902 e que estivo en funcionamento ata os anos 60 e que agora se pretende converter en senda verde para que a xente poida ir andando desde Ribadeo ata A Pontenova sen cruzar pola estrada, indo por lugares paradisíacos, vendo a ría de Ribadeo ata que cambia e segue o curso do río Eo arriba. E desde logo vai ser unha fonte de riqueza importante porque traerá moito turismo a esta comarca”.