Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e Xunta deben garantir a conservación da Torre dos Moreno, asegura o alcalde de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- Responsables técnicos da Xunta, un arquitecto de Patrimonio, o xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo, técnicos municipais e o alcalde de Ribadeo visitaron hoxe a Torre dos Moreno. Fernando Suárez considera que Concello e Xunta deben tomar medidas para garantir a conservación da Torre que se atopa nunha situación delicada. Accións que terán que estar listas por si os propietarios non queren chegar ao acordo que lles foi plantexado no seu día.

O rexedor dixo que “con esta visita se da resposta á xuntanza que mantiven eu hai poucas semanas co director xeral de Patrimonio para transmitirlle as preocupacións que temos no Concello de Ribadeo con respecto a este edificio tan noble, tan significativo para nós, pero que en tan mal estado de conservación está”.

Suárez Barcia lembrou “o protocolo que no seu momento se asinou entre o Concello e a Xunta de Galicia na anterior lexislatura, no que o goberno galego se comprometía a adoptar medidas de rehabilitación sempre que a propiedade chegase a un acordo. Esa propiedade é moita e moi fragmentada porque se atopan en varios países non só en España e desde o Concello de Ribadeo levamos meses tentando conciliar e poñer de acordo aos propietarios ainda que debo dicir que con bastantes problemas, algúns están na Arxentina, son reticentes…e entre tanto a Torre dos Moreno segue o seu proceso de avellentamento, segue o seu proceso e da sinais de que esto se está a poñer nunha situación bastante delicada”.

Fernando Suárez sinalou que “eu, como alcalde de Ribadeo coa responsabilidade que supón ter un edificio nestas condicións, quixen transmitirlle ao director xeral de Patrimonio que esto é un BIC (Ben de Interés Cultural) promovido pola propia Xunta xa hai anos e, ainda que a responsabilidade poida ser dos propietarios en primeiro lugar, tamén as diferentes administracións como o Concello ou quen declarou este edificio BIC debemos ir pensando en tomar outras medidas adicionais, por si acaso a propiedade non quere chegar a un acordo nos termos plantexados”.

O alcalde engadiu que “os técnicos de Patrimonio están recabando información e eu espero que en pouco tempo, ben pola vía do diálogo coa propiedade ou ben por unha vía coercitiva poidamos ter boas novas, en todo caso a Xunta neste aspecto terá moito que dicir”.

Exit mobile version