BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, valora de xeito moi positivo o protocolo asinado entre a Fegamp e a Consellería de Medio Ambiente no que se establecen axudas aos Concello para a xestión dos residuos voluminosos.
Llano lembrou que “unha das nosas preocupacións desde que Sogama anunciou que non se faría cargo dos residuos voluminosos recollidos nos concellos galegos era buscar unha empresa homologada que puidera recibir ditos residuos. Eu plantexeino varias veces na Mancomunidade da Mariña e certamente alí aceptouse a proposta de buscar unha solución en conxunto, apareceron varias empresas que en principio eran interesantes polo prezo, pero faltaba chegar a un acordo”.
O rexedor contou que hoxe recibiu “unha información da Fegamp onde se explica que se chegou a un acordo coa Consellería de Medio Ambiente que implicará a aportación de 900.000 euros para facerse cargo destes voluminosos, dos que 215.000 se aplicarán para este ano e o resto para o 2010. Nós como estamos acollidos a opción Sogama supoñemos que seremos un dos concellos beneficiados por ese reparto de fondos. Esta é unha boa noticia porque facilita a labor de tratar estes voluminosos que nalgún concello empezaban a ser un problema”.
Alfredo Llano sinalou que “nós estábamos a facer un almacén no punto limpo, e cando se chega a un certo volume hai que poñelo en mans dunha empresa homologada para que o transforme e para cumpra con todos os requisitos que deben cumprir este tipo de residuos. Estas axudas hai que recibilas ben, porque tal e como están as cousas nos Concellos calquera partida é benvida e encima si é para mellorar o tratamento de residuos poisa ainda mellor. En principio hai que felicitar á Fegamp por chegar a este acordo coa Consellería de Medio Ambiente e tamén facer inmediatamente efectivas estas axudas para que os Concellos poidan respostar axiña”.
En total serán 127 os concellos galegos que se beneficien do protocolo asinado na xornada de onte.