BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde, Neves Cando, critica ao PP de Burela por votar en contra dos investimentos reclamados á Xunta para o concello e a súa falla de compromiso co sector pesqueiro.
A edil nacionalista sinala que “a semana pasada no pleno que se celebrou no Concello asistimos á primeira demostración pública das mentiras do PP sobre o seu compromiso con Burela plasmado nos orzamentos da Xunta para o ano que ven. Comprobamos como coa cabeza agochada do seu portavoz municipal nos presupostos de 2010 do goberno galego Burela non existe. Só se contemplan tres investimentos: a mellora do abastecemento de auga a Cervo e Burela, o acceso ao porto e melloras no hospital da Costa, que xa estaban consignados de anos anteriores. Nada novo para Burela e ningún compromiso de futuro, o PP esquece Burela”.
Cando manifesta que “agora todos nos lembramos das promesas electorais do PP na campaña das galegas cando prometían a ampliación do hospital da Costa, unha resonancia magnética estable, unha nova escola infantil, un pavillón e unha piscina climatizada e moitas cousas máis que agora se negan a apoiar, porque o PP de Burela rexeitou incluir estas peticións nos orzamentos da Xunta para o ano que ven. O Partido Popular votou en contra destes investimentos para Burela, e despois fálannos de máis de 7 millóns de euros para Burela nestes orzamentos de 2010. Eso é mentira, son apenas 5 millóns xa comprometidos antes e correspondentes a estas tres obras mencionadas anteriormente”. A tenente de alcalde di que “o que non se pode facer é sumar dúas veces a mesma cantidade asignada ás obras do acceso ao porto para que saia unha cantidade maior de euros e poder así enganar á xente. E iso mesmo é o que fai o PP ao cuantificar os investimentos na comarca da Mariña para o 2010, aumentar as cantidades finais de millóns de euros, incluindo máis de 20 millóns que se corresponden con subvencións e non con investimentos reais en obras e servizos”.
A tenente de alcalde engade ao falar desas axudas e subvencións que “é moi curioso observar que o PP destina máis de 2 millóns de euros a subvencións para a paralización temporal ou definitiva das actividades pesqueiras na comarca da Mariña, cunha mesma cantidade para as tres zonas da Mariña cando o volume da actividade pesqueira é moi distinto en cada unha destas zonas, o que amosa a falacia destas axudas. E despois o PP de Burela, como se viu no pleno do pasado xoves, négase a aceptar, como sí se fixo na comunidade veciña de Asturias, que a Xunta de Galicia adiante os cartos que o Estado central pagará a tripulantes e armadores polos paros obrigatorios da actividade pesqueira. O PP lávase as mans da responsabilidade da Consellería de Mar que non pon as medidas axeitadas, como sí se fai en Asturias, para paliar a demora destes pagos. En Asturias sí se pode facer e en Galicia non, ese é o interese do PP polo sector pesqueiro”.
A concelleira suliña que “en resumo, ningún compromiso novo do PP na Xunta de Galicia para con Burela nos orzamentos do 2010 e ningún compromiso novo para co sector pesqueiro de Burela agora que é cando máis falta fai ese apoio é cando o PP mira cara outro lado e di que eso non é cousa deles”.