Os humanos somos seres gregarios que necesitamos vivir en grupo para o desenvolvemento persoal e social, pero tamén somos animais territoriais en diferentes dimensións: o noso fogar, as nosas leiras, as nosas propiedades, a nosa aldea, o noso campo de fútbol, o noso concello, a nosa nación. Da defensa do territorio moitas veces depende a supervivencia do grupo e hai que poñer valados e defendelo contra os individuos doutros grupos. Igualiño que calquera mamífero gregario. Os galegos, no noso mundo de minifundios, sabemos moito de murados, espiños, estremas e pedreiros en superficies moitas veces ridículas polas que se teñen perdidos vidas en actuación de carraxe irracional, pero primaria e pasional, en defensa da terra.
A Idade Media foi un paradigma de muros e murallas levantados para defensa de privilexios fronte a inimigos veciños, pero tamén fronte a fame, as enfermidades e pobreza dos propios vasalos. Dende entón a cousa non foi a menos e hoxe podemos ver como as prácticas da fronteira para marcar o territorio tense endurecido. Caeu un muro da vergoña e erguéronse en pé moreas deles polo mundo adiante.
O primeiro muro da vergoña que se nos ven á cabeza é o que levantou Israel fronte a Palestina para anexionar as súas terras, humillalos e impedir que medren economicamente. Estados Unidos levanta valados de cemento, aramios e detectores para impedir que os pobres latinoamericanos poidan poñer en perigo os privilexios dos veciños ricos do norte. España ergue un muro en Melilla para impedir o fluxo migratorio de África a Europa. Pero Marrocos ergue unha enorme muralla no deserto para impedir as incursións da Fronte Polisaria, que reclama parte dese territorio. Arabia Saudí vive confinada dentro do seu propio muro por medo aos veciños de Yemen e Irak. As comunidades chipriotas seguen separadas por unha liña verde que divide a illa e a capital. Dende que comezou a guerra no Irak, na súa capital, Bagdag, hai varias barreiras defensivas para para separar as comunidades chiitas e sunitas. En Belfast aínda perviven polo menos 88 muros, chamados eufemisticamente, de paz, que nin católicos nin protestantes queren derrubar, porque aínda teñen medo.
Pero tamén hai moreas de murados internos que se erguen en todas as grandes cidades das capitais dos países ricos. Son os que rodean os barrios da xente rica, con valados e vixilancia para manterse afastados dos sus veciños pobres, que está ao outro lado da rúa. Hai tamén outros valados invisibles, pero non menos eficaces, que dividen e marcan as distancias entre grupos humanos. Son os murados idiomáticos, relixiosos, ideolóxicos, económicos, deportivos, dixitais, sempre porque os humanos non queremos oír falar de igualdade, nin de solidariedade, nin de dignidade. Seguimos preferindo a inxustiza ao desorde e a seguridade a liberdade.
Sobra cobiza e falta caridade e empatía.