CERVO .- Hoxe estamos a celebrar o Día Internacional na Loita contra a Violencia de Xénero. O compromiso de”Mulleres en Igualdade” ao longo da nosa historia foi e é firme en canto aos maltratadores e de axuda e apoio total ás vítimas e aos menores, en moitos casos vítimas invisibles desta terrible secuela social.
O lema da nosa asociación na loita contra a violencia de xénero é NIN UNHA MÁIS: Nin unha muller maltratada máis, nin unha vítima máis.
MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS
Con ocasión desta conmemoración internacional procedemos a distribuír entre todos os Alcaldes e Concelleiras de Igualdade e Benestar Social da nosa comarca dun MANUAL DE PREVENCIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO Manual que editamos desde MULLERES EN IGUALDADE e que inclúe unha relación de boas prácticas que cada un destes cargos públicos poden acoller e poñer en marcha nas súas respectivas responsabilidades públicas.
A guía será distribuída a través do correo electrónico, para ser consultada como archivo pdf, o que ademais de ser práctico contribúe a aforrar papel e, polo tanto a unha maior protección do medio ambiente.
CANLE EN YOUTUBE
Asemade, quixemos habilitar unha nova canle en youtube contra a violencia de xénero. Queremos facer desta canle un lugar de referencia para aqueles que queiran expresar o seu rexeitamento á violencia de xénero, ao mesmo tempo pretendemos que sexa un punto de axuda e comprensión, unha fiestra de esperanza a aquelas mulleres que sofren a violencia machista.
Por este motivo ofrecémos a posibilidade de que os veciños da Mariña lucense tamén poidan unirse en www.youtube.com/niunamas a todos os que xa expresaron o seu rexeitamento aos violentos e tenderon a súa man ás vítimas.