Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis información aos veciños do Concello sobre o novo prazo aberto do PXOM, pide o BNG de FOZ

Nota de Prensa

O BNG PIDE MÁIS INFORMACIÓN AOS VECIÑOS DO CONCELLO SOBRE O NOVO PRAZO ABERTO DO PXOM

“O prazo de alegacións remata o próximo 29 de decembro”

“O BNG dará charlas informativas en todas as parroquias”

O pasado 28 de outubro saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio do novo trámite de información pública e consultas do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O prazo de exposición pública é de dous meses e polo tanto remataría o próximo 29 de decembro. Xunto a exposición do PXOM exponse tamén o Informe de Sustentabilidade Ambiental elaborado polo equipo redactor.

O BNG diante deste anuncio pide ao Grupo de Goberno que poña a disposición dos veciños toda a información que estes demandan sobre este novo prazo pois hai aínda moita xente que non é coñecedora deste situación. Por este motivo, para o BNG sería conveniente colgar da páxina web do Concello un enlace para consultar os documentos así como para aclarar todas as dúbidas que se teñan ao respecto. Así mesmo pareceríanos oportuno que por parte do Concello se fixesen reunións para explicar as variacións que se producen no Plan Xeral a raíz do informe ambiental e as repercusións que ten este sobre as alegación xa realizadas.

Desde o BNG consideramos que o Plan Xeral é un documento indispensable para rematar co caos urbanístico que padecemos durante anos no noso Concello pero tamén que o Plan que se aprobe debe ser un plan para todos e que non obedeza a intereses moi determinados, un plan participativo e transparente na súa tramitación. Pola súa parte o BNG porá a disposición dos veciños toda a información e axuda que soliciten tanto para manifestar a nosa posición como para facer as alegacións que consideren ademais de realizar charlas informativas por todas as parroquias ao longo deste mes.

Exit mobile version