LUGO .- Máis de 30 empresas españolas amosaron o seu interese polo prego aprobado polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) para a implantación da e-administración no organismo provincial e nos 66 Concellos de Lugo. O Pazo de San Marcos acolleu este luns unha xornada informativa na que se explicou a iniciativa da Deputación, que supón o investimento máis importante levado a cabo por unha administración no eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na provincia e en Galicia.
No encontro participaron representantes das empresas máis importantes a nivel galego e nacional. Con esta xuntanza, cúmprense os prazos anunciados polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Precisamente, o 9 de decembro é o último día para que as empresas presenten as súas ofertas co fin de continuar co proceso que permitirá que a provincia teña administración electrónica en 2011.
Deste xeito, con este macroproxecto o organismo provincial confía en crear valor engadido nas empresas locais da provincia, xa que permitirá que Lugo entre na Sociedade da Información.
Concellos e Deputación en rede
A iniciativa conta con 7 millóns de euros, dos que o 70% é aportado polo Ministerio de Administracións Públicas e o 30% restante polo INLUDES. A administración electrónica permite facer dende a Internet trámites que antes se facían de forma presencial no Pazo de San Marcos ou nos Concellos, polo que este sistema de contratación permitirá aforrar cartos e tempo ós cidadáns.
Para isto, os veciños só terán que entrar na páxina da Deputación ou nas dos Concellos, e identificarse a través do DNI electrónico. A continuación, poderán descargar os formularios necesarios, adxuntar a documentación precisa, e facerllo chegar á administración correspondente mediante a rede.
O programa Innova-TE dotará ós 66 Concellos de portais de servizos, de capacidade WiFi ou de ordenadores, ademais de extender a banda ancha. Lugo sitúase a cola nesta materia xa que, por cada 100 habitantes, 13 teñen banda ancha, cando en calquera outra provincia con máis de 100.000 cidadáns, o 50% dispoñen deste servizo.