Nota de Prensa
A mocidade nacionalista non considera tolerábeis as taxas de desemprego na comarca entre os menores de 30 anos
Bernardo Fraga eleito Responsábel Comarcal de Galiza Nova
A Asemblea Comarcal de Galiza Nova da Mariña decidiu escoller por unanimidade como Responsábel Comarcal ao viveirense Bernardo Fraga que até a data xa viña facendo parte da Dirección nacional da organización Xuvenil do BNG así como do Consello Local do Bloque en Viveiro.
Fraga Galgo, aparellador de profesión, natural de Viveiro, cun ampla experiencia no traballo no movemento xuvenil, ao sumir a máxima responsabilidade da organización xuvenil do BNG na Mariña pasará a integrar o Consello Comarcal do BNG.
Na súa intervención diante da asemblea de afiliados que o elixiron, nunha reunión celebrada o Sábado en Foz, o Portavoz Comarcal de Galiza Nova anunciou que no vindeiro período destinará os seus esforzos a revitalizar socialmente a estrutura comarcal de Galiza Nova. Bernardo Fraga destacou que “Galiza Nova é a primeira organización xuvenil da comarca, tanto en número de afiliados como en presenza territorial, do que se trata agora é de verquer toda esa enerxía cara a sociedade para dar resposta as políticas dunha Xunta que Goberna contra a xente moza”.
Os mozos nacionalistas debateron durante a xornada de onte sobre as consecuencias que a crise está a provocar entre a mocidade da comarca, neste aspecto Fraga foi concluinte ”non imos permitir que se xa a mocidade quen pague unha crise que non provocou. O noso obxectivo número un é a loita pola emprego, pois non é tolerábel que na Comarca da Mariña nos situemos nuns niveis de paro entre os menores de 30 anos que xa superan o 30%. Detrás de cada mozo parado hai un drama persoal, porque hai unha hipoteca que non se pode pagar, un crédito cuxas cotas non se cobren ou un descuberto bancario. Para nos o desemprego non é mera estatística e nese sentido queremos facer un chamamento aos poderes públicos para que a creación de emprego pasa a ser unha prioridade. A Xunta non pode mirar neste tema para o outro lado”.
Na mesma liña Fraga Galdo alertou que son tamén precisamente os mozos os que apandan na comarca coas maiores taxas de temporalidade e de precariedade do mercado laboral. Así afirmou que mesmamente é maior tamén o descenso de desemprego no réxime especial de autónomos para os menos de 30 anos o que leva a mocidade nacionalista a preguntarse onde está apolítica de auto-emprego e de apoio ao que eles chaman emprendedores do Goberno Feijoo.”O único apoio co que se atopa un mozo que quere montar un negocio é cos pais ou cos abos, se ten que agardar pola Xunta xa pode esperar”, recalcou Bernardo Fraga.
O Responsábel Comarcal de Galiza Nova denunciou tamén que a política de austeridade do PP teñen nos mozos un obxectivo preferente. “Para a Xunta austeridade son menos becas, menos diñeiro para formación non regrada, menos oferta educativa, para nos iso son políticas carcas que o que fan é introducir un elemento de desigualdade en función da idade ou da clase social” afirmou Bernardo Fraga quen acusou a Feijoo de criminalizar a mocidade galega, posto que o único verbo que conxuga con nos é prohibir.
Xa por último a Asemblea Comarcal de Galiza Nova acordou iniciar unha campaña de expansión organizativa na perspectiva de aumentar a filiación entre os estudantes de ensino secundario.”Esta xeración de estudantes de secundaria é a que lle toca sufrir o modelo de Boloña, modelo privatizador que exclúe do ensino superior a moitos mozos, polo que ese modelo debe ser modificado” rematou o Portavoz nacionalista.