Site icon Crónica3.com A Mariña

Distribución equitativa do Fondo Estatal de Inversión entre parroquias, propón o BNG de Foz

Nota de Prensa

O BNG DEFENDE UNHA DISTRIBUCIÓN EQUITATIVA DO FONDO ESTATAL DE INVERSIÓN ENTRE TODAS AS PARROQUIAS

Para o BNG é imprescindible que estes fondos sirvan para levar infraestructuras e servizos básicos as parroquias.

Foz, 24 de novembro de 2009.- O BNG ten que manifestar unha vez máis a actitude antidemocrática do alcalde de Foz ao negarse a levar unha moción do BNG ao pleno de novembro no que se solicita que as obras do Plan Estatal de Inversión Local para 2010 fosen consensuadas entre todos os grupos da corporación. A moción foi rexistrada o 10 de novembro para incluila no pleno que se celebrará este xoves. Como pasou co anterior PEIL, o alcalde rexeita de plano e participación e as aportacións tanto de veciños como da oposición á hora de aprobar as inversións que o Concello de Foz inclúa en dito fondo. Na práctica é el o único que decide onde se van a investir estes cartos, é dicir, “a dedo” e utilizando ditos fondos de forma electoralista.

Para o BNG o Fondo de Inversión Estatal que lle corresponde ao Concello de Foz, e que ascende a 1.068.000 euros, debería repartirse de forma equitativa entre as distintas parroquias do Concello, atendendo a criterios obxectivos e tendo en conta as necesidades reais de cada parroquia, o número de veciños, a dispersión xeográfica e a súa superficie. Atendendo a eses criterios todas as parroquias de Foz recibirían entre 80.000 e 100.000 euros cada unha e sobre 400.000 o casco urbano, sempre poñendo por diante as necesidades básicas das mesmas, como son rematar o saneamento nas parroquias de San Acisclo, Santa Cilla ou Cordido.

Algunhas outras propostas que o BNG ve imprescindibles realizar son obras de inversión en novas infraestructuras para recibir a TDT ou a ampliación e mellora da implantación do ADSL. No apartado de recursos enerxéticos –e en consonancia coa proposta aprobada en pleno- o BNG propón un Plan de Aforro Enerxético para poder aliviar o despilfarro que o Concello de Foz soporta sen que o grupo de goberno tome ningunha medida. Outras das propostas que o BNG realiza para o novo fondo estatal é a promoción e creación de emprego a través da instalación dun viveiro de empresas no parque empresarial, é dicir, uns centros que faciliten a creación de empresas por novos empresarios que poidan utilizar estas instalacións nos primeiros anos da súa actividade.

De todas formas, para o BNG é fundamental que, estas e outras propostas que poidamos aportar os grupos municipais despois de escoitar aos propios veciños, sexan consensuadas por toda a Corporación Municipal. Só así terán a garantía de ser xustamente distribuídas e de obedecer a uns criterios que non sexan partidarios ou partidistas, como pretenden o alcalde e o grupo de goberno.

Exit mobile version