NOTA DE PRENSA
Veiga crítica que o PP mire cara outro lado diante da destrución de emprego e a precarización das condicións laborais
O BNG denuncia que o plan “Lugo Avanza”
non ten consignación Orzamentaria.
O Bloque Nacionalista Galego presentou nas súas emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado a solicitude de que se incluísen partidas por 12 millóns de Euros a fin de poñer en marcha un plano de choque que permita dar resposta á situación de crise que atravesa a Comarca da Mariña.
Os nacionalistas lamentan que a proposta de Plano anti-crise “Lugo Avanza” anunciado por Feijoo tras o Consello da Xunta celebrado en Lugo quedara en mera propaganda desde o momento en que o mesmo non se contempla por ningures na proposta orzamentaria para 2010. Na mesma liña de ausencia de medidas de estimulo económico recollidas nos orzamentos, hai que destacar a paralización práctica das grandes infraestruturas da Mariña, que como investimento público representaría un elemento central de dinamización económica ou a negativa a por en funcionamento os proxectos na área benestar, o Xeriátrico de Viveiro exclusivamente representaría máis de 120 Empregos. O Goberno Feijoo mostrase ausente á hora de enfrontar a crise, mirando cara outro lado diante das grandes dificultades que atravesan traballadores, autónomos e PEMES na comarca, negándose a mobilizar recursos públicos como están a facer a case que totalidade de gobernos do mundo para responder a esta situación de grave dificultade económica.
O BNG non vai mirar para outro lado como está a facer o PP que xa non só tira ao lixo as súas propostas electorais senón tamén as institucionais como as que vimos de referir. Non estamos diante dunha crise que afecta só a un sector da actividade económica, pola contra, tanto o sector primario, como secundario, como o terciario ven comprometidos o seu futuro, traducíndose en destrución de emprego, precarización das condicións laborais e redución da actividade económica. Vai como exemplo o continuo feche de explotacións agrarias ou a perda de 422 postos de traballo no mar desde xaneiro de 2008 a Abril de 2009, os EREs nas que se atopan varias empresas das máis significativas da Comarca, a parálise da actividade promotora cun stock de preto de 8000 vivendas, por non falar das máis de 1200 baixas no réxime de autónomos no que vai de 2009.
Os nacionalistas consideramos particularmente preocupante as dificultades das empresas a hora de acceder a financiación pola política de restrición do crédito que están a levar adiante as entidades financeiras e que está a poñer en risco proxectos empresarias viábeis. Ante a falla de resposta dos operadores privados aos problemas de tesourería co que se atopan as empresas, non é de recibo que nos Orzamentos de 2010 se fagan recortes nos orzamentos na área de refinanciamento do IGAPE, o que dificulta a capacidade de intervención dos operadores públicos. O BNG esixe que se creen liñas específicas nos orzamentos de 2010 que reforcen a capacidade do sector público de achegar financiamento para aliviar a tesourería das PEMES.
Asemade desde o BNG queremos criticar a falta de compromiso da Xunta de Galiza, como autoridade laboral competente, á hora de impulsar o avance da negociación colectiva. Non é de recibo que o Goberno Galego fique quieto e permita enquistar conflitos laborais na discusión dos convenios, posto que as políticas que afonden na perda de poder adquisitivo da clase traballadora non fan máis que acentuar a crise, na medida que significan diminución da capacidade de consumo interno. Os nacionalistas non imos permitir que sexan as clases traballadoras quen pague as consecuencias dunha crise que non provocaron.