Site icon Crónica3.com A Mariña

Corruptos e corruptores

Hai pouco lin que a popularidade e apoio que Berlusconi seguía mantendo en Italia, a pesares de todos os seus escándalos de tipo ético, económico e moral, explicábanse por unha cuestión cultural, segundo a cal unha grande maioría dos italianos víanse reflectidos na figura do seu presidente de goberno, era o seu ídolo e gustaríalles ser coma el. Se observamos que en España o PP non perde apoios tendo en conta os escándalos de corrupción de grande alcance que se dan en Madrid, Valencia e noutros lugares do Estado, poderiamos concluír que, en maior ou menor medida, a influencia cultural latina esténdese ao longo de todo o Mediterránea e incluso máis aló.

Nunha reunión de amigos das que se fan nos bares como terapia social, despois de dúas copas, empezou o faladoiro da política para amañar o país.
-Eu xa non creo na política. Todos son iguais. Todos son uns corruptos.
Curiosamente quen tal dicía era un significado militante do PP, polo tanto, dado o contexto e o ton, hai que traducir as frases para entendelas. A primeira contradición dáse cando di que non cre na política, estando el implicado directamente nunha organización política. Realmente o que quere dicir é que “non cre na política dos outros, de feito eles non fan política”. A xeneralización de “todos”, realmente quere dicir “menos nós, todos os demais”.
-Se iso fose certo -contestoulle outro conversador-, ti serías un dos corruptos e ademais estaríalles chamando corruptos ou corruptores á maioría da poboación (70%) que participa nos diferentes procesos electorais e que vota os representantes que considera mellores para defender os seus intereses.

Por un momento cambiouse de tema, pero logo se volveu á liza porque o país hai que amañalo entre todos. Alguén empezou a criticar o elevado número de funcionarios das administracións e o modo en como, moitos deles, conseguía o posto por influencia dos partidos gobernantes. Todos empezaron a asentir, e no medio de réplicas e contrarréplicas, esta mesma persoa explica que “el tenlle que estar moi agradecido a uns políticos dun partido gobernantes, que casualmente naqueles momentos era o PP, porque lle metera dous fillos en postos seguros da administración” e que gracias a iso non están sufrindo a crise que a maioría da sociedade padece. E non houbo maneira de facerlle entender que se o político en cuestión era corrupto el era corruptor.

É un exemplo de cinismo e hipocrisía sen medida, que xustifica que o que vale para min critícoo para os demais, sen ningún tipo de remorso, nun modelo de comportamento froito dunha sociedade sen ningún tipo de valor ético nin solidario.

Visto isto, ¿alguén pode pensar que a situación actual de crise se pode resolver simplemente con diñeiro?. Penso que desta maneira volvemos a caer nos mesmos vicios que nos trouxeron ate aquí.
Realmente o que se necesita e un cambio de modelo cultural e social, volver recuperar os valores positivos de colaboración, axuda, ben común, diálogo, valorar máis o ser que o ter. De non ser así, e mentres a sociedade aplauda e apoie os comportamentos de corrupción, seguirán aumentando o número de corruptos e corruptores e a sociedade facéndose máis inxusta e insolidaria.

Exit mobile version