RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo está satisfeito co inicio dos traballos de acondicionamento e limpeza de camiños públicos que está levando adiante a maquinaria da Deputación de Lugo. Onte empezaron por Couxela e seguirán polo resto das parroquias do concello.
Fernando Suárez contou que “desde o día de onte o parque de maquinaria da Deputación Provincial de Lugo está aquí en Ribadeo. Foi unha das peticións que no seu momento eu lle transmitín ao presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e que finalmente está cumprindo”.
O rexedor sinalou que “nos enche de satisfacción o feito de que en todas as parroquias do noso Concello a Deputación a través da motoniveladora, do camión, dunha pala… vaia acondicionando e limpando unha serie de camiños públicos que se encontraban en mala situación e que esteamos intentando facer todo esto antes de que veñan as augas, para que no caso de que veñan porque agora cando veñen fano de xeito forte, non invadan os camiños e teñan por onde discorrer a través das gavias, das cunetas, etc. Estamos empezando en Couxela e despois seguirán por outras parroquias, primeiro polas do interior e despois polas da costa”.
Suárez Barcia engadiu que “estamos en contacto coas asociacións de veciños no momento no que as máquinas van para alí por si teñen algunha dúbida ou para ver onde se pode tirar a terra. E alégrome de que o parque de maquinaria estea aquí como noutros tempos con maquinaria renovada e moi moderna que fai que o resultado do traballo sexa moito mellor”.