Segundo o rexedor cervense, o descontento dos veciños dos núcleos de poboación que discorren ao longo de toda esta estrada é xeneralizado e lévanse queixando no concello constantemente polos desniveis existentes nos 3 quilómetros de trazado que está en obras e as pistas municipais que dan acceso ás súas vivendas e ás súas fincas. “Estamos a recibir tódolos días protestas dos veciños, e agora coa chegada das choivas os problemas vanse a agravar aínda máis. Por iso, remitimos hai uns días un escrito á Deputación facéndonos eco deste descontento veciñal e esixíndolles que apresuren a subsanar as deficiencias e rematen esta estrada canto antes, porque do contrario ese traxecto pódese converter nun foco de accidentes” asegurou o alcalde.
Castelo-Trasbar
O alcalde tamén indicou que no escrito remitido á Deputación o goberno local tamén amosaba o seu descontento polo abandono por parte da entidade provincial da estrada que une os núcleos de Castelo e Trasbar. “O tempo continua pasando e os veciños están fartos do mal estado que presenta esta estrada, a cal vai empeorando día tras día sen que a Deputación faga nada por arranxala, por iso lle solicitamos aos seus responsables a máxima celeridade nas obras de mellora e de mantemento das estradas da súa competencia que están no nosos termo municipal” dixo Villares.