Este pequeno folleto ten un grande obxectivo: chegar ao maior número posible veciños de tal xeito que poidan coñecer algúns dos conceptos básicos sobre a violencia no ámbito familiar e, deste xeito, contribuír á detección e atención da violencia familiar no noso país, explicaron desde a Concellaría de Asuntos Sociais, que dirixe a edil Pilar Armada.
Os folletos foron distribuídos nos edificios públicos e dependencias municipais, entre as asociacións e colectivos máis importantes do termo municipal e naqueles espazos nos que as persoas que se están a sufrir esta situación poidan acceder ao mesmo con privacidade e maiores garantías. Ao mesmo tempo poderá consultarse e imprimirse, a través da rede, na zona de descargas da páxina web do Concello de Cervo.
A distribución do plan de seguridade fronte a violencia de xénero engádese a outras actividades organizadas co gallo do día internacional de sensibilización contra esta lacra social que están a constituír as situacións de maltrato. Cabe salientar a convocatoria da terceira edición do concurso de narración Carta a un maltratador que está dotado cun premio de 100 euros.