Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro destaca que na selección do persoal primase por primeira vez a transparencia e a igualdade

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Deputado de Persoal, Recursos Humanos e Réxime Interior, Melchor Roel, clausurou este xoves os cursos organizados para administrativos e capataces do organismo provincial. Gómez Besteiro subliñou que “a formación debe estar en concordancia coas demandas laborais. Non pode ser un fin en si mesmo, senón un instrumento que favoreza a creación de postos de traballo, sobre todo en momentos de crise como os actuais. Ademais, canto máis formemos ós nosos traballadores, mellor será o servizo que prestaremos ós veciños e veciñas da provincia”.

Nese senso subliñou que o proceso de selección “está rexido por primeira vez polos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Ademais, construímos un auténtico diálogo e colaboración coa representación social aberto a todas as forzas sindicais. Isto permítenos obter unha maior profesionalización e garantía de rigor e transparencia no acceso ó emprego da Institución”.

O titular provincial e o responsable da Área de Persoal entregaron os diplomas ós asistentes dos cursos, que contaron con 100 horas no caso do de administrativos e de… no de capataces. En total, no acto, entre alumnos e profesores, participaron unhas 50 persoas.

Gómez Besteiro tamén destacou o esforzo que se está a facer dende a Deputación pola funcionarización, é dicir, pola regularización dos contratos laborais fixos que ocupan postos que deben ser desempeñados por funcionarios. O informe do Consello de Contas sobre a xestión de persoal da Deputación puxo de manifesto que esta era unha irregularidade constante na xestión do anterior equipo de goberno, xa que moitos postos que debían ser desempeñados por funcionarios de carreira estiveron ocupados por persoal laboral. “A nova situación permítelles ós empregados da Deputación e do INLUDES consolidar a carreira profesional. En definitiva, isto é unha aposta polo emprego estable”.

Exit mobile version