Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros repuxo o cruceiro que fora roubado en Viladaide, cunha obra de Puchades e Cruz

BARREIROS (FNC) .- O Concello repuxo estes días o cruceiro de Viladaide que fora roubado hai algún tempo. O novo é obra de Puchades e Cruz, segundo contou esta mesma mañá o alcalde.

Alfonso Fuente sinalou que “nestes días xa foi reposto o cruceiro que fora roubado por descoñecidos, presentáramos denuncia pola desaparición deste cruceiro na zona do Cascabeiro, na parroquia de Viladaide, e ó final como non se atopou desde o Concello decidimos a construcción dun novo. Foi realizado en Mondoñedo coa colaboración entre Puchades e Cruz e hai uns días xa se colocaba”.

O rexedor barreirense dixo que “os veciños botaban moito en falla este cruceiro que está nunha zona privilexiada, nós xa tiñamos feito uns traballos de acondicionamento ó seu arredor para que non se cubrise de herba e agora hai que agardar a que vai envellecendo esa pedra, dado que se nota a diferencia entre a pedra antiga e a actual. O artista que fixo o cruceiro baseándose nunha foto do que tiñamos díxonos que nun par de anos a pedra estará toda igual”.

Volver á terra

Por outra banda, Alfonso Fuente confirmou que “hai uns días recibíamos unha comunicación no Concello de Barreiros da Secretaría Xeral para Emigración, na cual se nos informaba da chegada de veciños nosos que viven en Sudamérica que veñen pasar tres meses coas súas familias. Da provincia de Lugo hai tres veciños de Barreiros que son: Modesta Lombardero, José Domingo Martínez Rocha e a súa dona Sara López Castro. Chegan de Cuba e pasarán 15 días na residencia de tempo libre de Carballiño en Ourense. Nós estamos xestionando incluso a posibilidade de ir visitalos e logo pasarán ata completar os tres meses coas súas familias aquí en Barreiros”.

O rexedor engadiu que “nos agrada que con estes programas veciños nosos que levan moitos anos na emigración poidan visitar ós seus familiares e a terra onde naceron. É moi importante todo esto. E aquí estamos a programar unha visita a Arxentina para principios do vindeiro mes de decembro para visitar ós familiares dos nosos veciños que están a vivir alá para ver en qué situación están e tentar botarlles unha man”. Alfonso Fuente subliña que “o custe da viaxe será sufragado persoalmente e non a cargo do Concello. E tamén participarán os rexedores de Alfoz, Trabada e Lourenzá”.

Exit mobile version