Site icon Crónica3.com A Mariña

As catro mocións presentadas polo BNG en Xove foron aprobadas por unanimidade

NOTA DE PRENSA
Desenvolvemento da Lei 11/2007 para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero

Onte, luns 16 de novembro, ás 19:00 horas, celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Xove un pleno municipal onde o grupo do BNG presentou catro mocións e tres preguntas. Ningún dos outros grupos representados na cámara municipal (PP, AVEXO e PSdeG-PSOE) presentaron moción nin pregunta ou rogo ningún, extremo este que xa se está convertendo en habitual. Xove transfórmase así nun concello onde quen goberna é o BNG e quen executa as ideas e propostas que procuran mellorar a vida dos cidadáns é o alcalde de turno.

Esta lectura do acontecido onte no pleno municipal susténtase no feito obxectivo de que as catro mocións presentadas (apertura do dique norte do Porto de Alcoa, medidas para mellorar o financiamento do concello, petición de retirada da proposta de incremento dos impostos indirectos e desenvolvemento da Lei para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero) foron aprobadas por unanimidade, algo que tamén ven acontecendo de xeito cotián nos últimos anos con todas as mocións que o grupo do BNG propón na cámara municipal.

O grupo municipal do BNG, por medio do seu concelleiro Xesús Fernández Bouza, solicitou e acadou entre outros o acordo do pleno para instar á Xunta de Galiza a que realice unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento. Bouza pediu en concreto “a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, realizar campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, a formación da totalidade das e dos profesionais, e garantir o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público”, tal e como recolle o texto legal.

O concelleiro Xesús Fernández Bouza desvelou que o novo goberno da Xunta foi informado do grao de desenvolvemento da lei e mais dos aspectos que restan poñer en marcha, pero que “non se atopa interese ningún no executivo, considerándose prescindíbeis as accións tendentes á erradicación da violencia de xénero” e, en xeral, todas as relacionadas cos servizos sociais básicos para a poboación.

Tamén se atopaba presente no pleno o responsábel local da formación nacionalista en Xove, Marco López, quen declarou que “a violencia de xénero constitúe a manifestación máis clara de desigualdade” e que “na loita pola erradicación deste cancro deben implicarse os poderes públicos e a sociedade”. Porén, López aseverou que nos últimos anos se teñen dado pasos relevantes no eido legal e que “a nivel galego, na pasada lexislatura, aprobouse unha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero que introduce cambios importantes como, por exemplo, a apertura dos recursos sociais a todas as mulleres con independencia de que conten cunha orde de protección ou non”.

Exit mobile version