Site icon Crónica3.com A Mariña

As áreas nacionalistas da Deputación de Lugo invisten en Xove máis de 130.000 euros

LUGO .- Benestar Social, dirixida pola nacionalista María Xosé Vega, demostra o seu apoio ás políticas sociais con feitos, diferenciándose das prácticas clientelares que adoita levar a cabo o Partido Popular.
O responsábel local do BNG de Xove, Marco López, manitestou onte que desde a formación nacionalista levan agardando preto dun mes a que o actual executivo xovense se posicione dalgún xeito a respecto das subvencións aprobadas o pasado día 30 de outubro pola Deputación Provincial de Lugo, en sesión ordinaria presidida polo Vicepresidente nacionalista Xosé Antón Bao, onde se acordou conceder ao Concello de Xove máis de 130.000 euros. Este diñeiro deberá ser destinado aos gastos correntes ou inversións en actividades relacionadas coa conciliación familiar e laboral e mais coa asistencia á xente maior das parroquias de Monte, A Rigueira, Lago, Sumoas, Portocelo, Morás, Xuances e o propio Xove.

“Non entendo que o equipo de goberno deste Concello adule unha vez ao ano a esmola achegada desde a administración do PP e, en troques, cando os gobernos do BNG dan unha subvención como Deus manda, calen a boca”, declarou Marco López, que elixiu este e outros exemplos para xustificar a necesidade de contar cunhas administracións con ética colectiva e co compromiso de “reivindicar con estas actuacións de política responsábel o que veñen ser os alicerces das nosas actuacións alí onde gobernamos: transparencia, vontade de servizo público e compromiso co benestar sen termos en conta a cor política dos concellos”.

López, desde o seu cargo orgánico no Bloque Nacionalista Galego local, valorou moi positivamente a inxección económica que supón esta nada despreciábel cantidade de cartos que percibirá Xove e que se desglosa, máis polo miúdo, en amplas partidas destinadas ao Servizo de Axuda a Domicilio (80.388€), lecer de nenos e nenas (1.449,35€), mantemento do Punto de Atención Infantil (41.163,48€) e para a mellora e acondicionamento dos Parques Infantís (7.356,11€).

Para rematar, Marco López incidiu en que “as nosas administracións non quedan na teoría ou na promesa sen contido tal e como demostran os feitos” e que, asemade, pasan á fiscalización responsábel do investimento público unha vez outorgadas as subvencións “coa finalidade de que o gasto se aplique nos servizos aos que foi destinado en orixe”.

Exit mobile version