Aos medios de comunicación debémoslles dalgún xeito que a violencia de xénero saíse do privado e hoxe se considere un problema social. Facendo caso daquela máxima de que só existe o que sae nos medios, o testemuño de Ana Orantes nun talk-show da televisión andaluza describindo os comportamentos vexatorios e misóxinos do seu marido que levaba corenta anos aturando foi o punto de inflexión para que, a finais dos 90 e por vez primeira na nosa contorna, a violencia ‘existise’.
Aínda que ben podería ter quedado nunha efémera moda mediática, a cobertura informativa dos medios continúa desde aquela. Sen dúbida, isto resulta moi positivo para seguir dando conta da pervivencia deste fenómeno machista que se mantén e obrigar aos gobernos a tomar medidas. E tamén, se cadra, porque lembrándonos o duro campo de probas que é a realidade, e evidénciase canto camiño fica aínda por percorrer para a loita feminista, rebatendo con contundencia a quen afirma (acaso con intereseira vontade desmobilizadora) que a igualdade xa está conseguida e que o feminismo non ten hoxe razón de ser.
E morra o conto. Porque, falando sempre en termos xerais, aquí remata calquera indicio de compromiso dos medios coa erradicación da violencia de xénero. Fronte a esta énfase e cobertura cuantitativa, xorden numerosas contradicións sobre o tipo de cobertura cualitativa que os medios ofrecen. Como ducias de estudos e informes levan anos pondo de manifesto, na cobertura destes crimes segue primando o morbo e tratamento de suceso (con declaracións da veciñanza) fronte á información contextualizada (ofrecida por persoas expertas), a culpabilización da vítima (“ela o buscou”) fronte á comprensión do agresor (“baixo os efectos do alcohol”), a presunción de inocencia do agresor fronte á violación do dereito á intimidade da vítima, ou o tratamento eufemístico destes feminicidios como unha enfermidade calquera (“unha vítima máis da violencia de xénero”) en lugar de como asasinatos (“este é o asasino número 54 no que vai de ano”).
Non cómpre insistir aquí no que xa é unha obviedade: os medios non só reflicten a realidade, senón que a constrúen e crean opinión. Xogan así un papel determinante na comprensión da violencia de xénero como un problema estrutural… ou como un suceso illado arrodeado de morbo e resultado da casualidade e da provocación da vítima.
Alén disto, os medios préstanse nos últimos tempos a ser soporte difusores das novas falacias desta lacra social, coma no caso das supostas denuncias falsas. A énfase que poñen nestes escasos casos (o estudo do Consello Xeral do Poder Xudicial estudou no mes de outubro 530 sentenzas, e delas só unha estivo orixinada por unha denuncia falsa) contraponse a unha non contextualización do fenómeno como unha resposta frecuente dos agresores contra as súas vítimas cando no xuízo non hai probas contundentes da violencia (por ser psicolóxica, non haber informe médico, etc), ou mesmo ao nulo interese en destacar as máis frecuentes denuncias falsas por outros delitos como roubos ou fraudes ás aseguradoras. En suma, os medios poñen ás vítimas baixo sospeita por seren, en palabras de Larrauri, punitivas, vingativas, instrumentais ou mentireiras.
A violencia de xénero é moito máis que unha cuestión de opinión. Non se entende, neste sentido, que un xornal como El País publique o 17/09/09 unha columna do opinador Enrique Lynch que culpabiliza ás mulleres da violencia de xénero por ser elas as responsábeis, por freudianos mecanismos do complexo de Edipo, da mentalidade dos seus fillos. O rebumbio foi tal que este domingo a Defensora da lector/a do xornal abordaba o tema na súa columna, e incidía na evidente contradición de que, mentres o director de opinión constataba un suposto compromiso pola erradicación da violencia de xénero do xornal, se promovesen este tipo de ideas desde as columnas de opinión en aras do debate e do pluralismo. Abofé que os medios non teñen por que compartir o criterio de quen neles opina, pero en nome da pluralidade ideolóxica tamén se debería entón garantir un espazo, por exemplo, a militantes da esquerda abertzale.
Con todo, existe ao meu ver unha maior e máis hipócrita contradición. Hai anos que se leva destacando a prevención como factor clave na superación da violencia de xénero. Esa prevención pasa necesariamente por identificar e evitar as causas mesmas da violencia (e da discriminación en xeral), as cales se sustentan neses roles de xénero que se constrúen en cada sociedade e cultura determinando dunha forma constrinxente as expectativas vitais de mulleres e homes. Xa que logo, un verdadeiro interese dos medios por contribuír á erradicación da violencia debería implicar un papel activo en subverter (ou polo menos non potenciar) eses roles de xénero. Lonxe diso, numerosos estudos poñen de manifesto como a través das imaxes, do seu discurso e do propio uso que fan da linguaxe, os medios contribúen a ancorar e afianzar aínda máis uns papeis de xénero que infravaloran, invisibilizan, erotizan, sexualizan, infantilizan ou ocultan a capacidade de acción das mulleres. Isto é, no día a día os medios alimentan as causas mesmas que provocan a discriminación, promovendo actitudes e valores moitas veces sutís que en realidade actúan como caldo de cultivo da mesma violencia de xénero.
A hipocrisía mediática é evidente. Ante ela, de pouco vale esixir que os medios fagan unha cobertura rigorosa da violencia de xénero, se non abordan en primeiro lugar a súa responsabilidade na prevención de todo tipo de discriminación.
observatorioigualdade.blogaliza.org/