SANTIAGO .- A asociación ecoloxista ADEGA considera que coa aprobación da Lei que regulamenta o aproveitamento eólico de Galiza, perderase outra oportunidade para o desenvolvemento sustentábel do sector. “Seguimos sen un modelo que estableza as condicións para harmonizar esta industria co respecto ao ambiente e á xustiza social”, aseguran.
Nota de Prensa
LEI EÓLICA: NOVAS FORMAS, VELLOS ERROS
26 de novembro de 2009. Coa aprobación da Lei que regulamenta o aproveitamento eólico de Galiza, perderase outra oportunidade para o desenvolvemento sustentábel do sector. Seguimos sen un modelo que estableza as condicións para harmonizar esta industria co respecto ao ambiente e á xustiza social. Nen a anterior administración nen a actual foron quen de abrir o debate social para consensuar un novo modelo eólico e enerxético, lonxe do consumismo desbocado e do produtivismo a ultranza. Pero a nova Lei Eólica vén desfacer o camiño andado polo Decreto 242/2007 (a piques de se derrogar) que anque insuficiente, avanzaba nas garantías ambientais e sociais dun sector dende sempre controlado polos tabeiróns da enerxía. ADEGA presentou aos 3 grupos parlamentares as súas propostas que, previsibelmente, non serán recollidas: todo está xa amarrado dende a aperta de Galán a Feijóo.
Eis un resumo das propostas e consideracións de ADEGA aos grupos parlamentares para incorporar na Lei Eólica:
1. A PROTECCIÓN DA REDE NATURA
Os espazos da Rede Natura 2000, segundo dispoñen a Directiva 92/43/CEE e a Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, constitúen un dos instrumentos primordiais para “garantir o mantemento ou, no seu caso, o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies de que se trate na súa área de distribución natural”. (Directiva 92/43/CEE). No artigo 6.2 do Decreto 242/2007 (a piques se se derrogar) recóllíase esta preocupación pola biodiversidade dispondo que “quedan excluídos da implantación de parques eólicos aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formaren parte da Rede Natura 2000 consonte ao Decreto 72/2004, de 2 de abril, ou normativa vixente en cada momento”. Esta exclusión (que a lexislación asturiana ten incorporado xa dende 1999), na que se incluían tanto os actuais LICs e ZEPAs como os futuros, debería estar recollida de forma explícita (máis aló do que se recolle na disposición transitoria segunda) no texto da Lei Eólica: cando hai moitos outros espazos suscepíbeis de aproveitamento eólico, non deberan os intereses do negocio prevalecer por riba do interese social por recuperar, conservar e protexer os máis valiosos e máis ameazados hábitats e especies naturais, como ben recolle a Rede Natura.
Para defendermos a engádega na Lei desta exclusión explícita, non faltan tampouco argumentos sociais, pois é evidente que non vai ser doado solicitar da poboación un maior respecto ás limitacións impostas pola Rede Natura, cando ve instalarse sobre eses mesmos espazos, unhas infraestruturas de non menor impacto. E tampouco faltan razóns de seguridade xurídica: un promotor, sen esta exclusión, enfróntase á posibilidade dunha avaliación ambiental negativa ou de ter que litigar ante calquer contencioso contra a idoneidade do seu proxecto fronte aos valores ecolóxicos duns espazos protexidos pola Directiva 92/43/CEE.
2. A NECESIDADE DO ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL
O Decreto 242/2007 dispoñía seu artigo 6.1, que “todos os proxectos de parques eólicos someteranse a avaliación de impacto ambiental e serán obxecto dunha declaración de impacto ambiental na consellería competente” para máis adiante establecer que a “súa valoración positiva será requisito indispensable para o outorgamento da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución”. (Artigo 14.7)
No proxecto de Lei Eólica desaparece esta obriga xeral e en lugar de incrementar protección e garantías como ten ocorrido noutras comunidades autónomas, retrocédese até o anterior Decreto 302/2001 para acollerse ao disposto no Real Decreto Lexislativo 1/2008 polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental. (Proxecto de Lei Eólica. Artigo 36). Segundo este Texto Refundido, só precisarán avaliación de impacto ambiental “as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía eléctrica (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que se encontren a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico” (Real Decreto 1/2008. Anexo I. Grupo 3.i) ou de máis de 10 aeroxeradores cando se instalen en “zonas especialmente sensibles, designadas en aplicación da Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril do 1979, e da Directiva 92/43/CEE, do Consello, de 21 de maio de 1992, ou en humedais incluídos na lista do Convenio Ramsar”. (Real Decreto 1/2008. Anexo I. Grupo 9.b.9). A disposición referida á avaliación de impacto ambiental que o proxecto de Lei Eólica establece no seu artigo 36 vén a significar na práctica, que os parques eólicos baixo competencia da Xunta (até 50 MW) quedan excluídos do procedemento de avaliación ambiental obrigatoria, salvo que a Administración veña a decidir o contrario.
Dende o punto de vista da protección duns espazos que, as máis das veces albergan hábitats de enorme valor ecolóxico e ambiental, non pode aceptarse, incluso para maior seguridade xurídica do promotor, deixar na discrecionalidade da Administración a decisión de se un determinado parque eólico necesita ou non ser sometido á avaliación de impacto ambiental.
Así pois, solicitamos das súas señorías a recuperación no texto da Lei Eólica da obrigatoriedade da avaliación de impacto ambiental para todos os parques eólicos, e ademais que esta avaliación ambiental inclúa, no mesmo Estudo de Impacto Ambiental e no mesmo procedemento, a avaliación de impactos dos camiños de acceso e das liñas de evacuación da enerxía eléctrica: se estas infraestruturas son indispensables para o aproveitamento eólico, de ningunha maneira debe aceptarse que podan ter avaliacións de impactos separadas.
3. POR UN NOVO PLANO SECTORIAL EÓLICO
A Lei Eólica desenvolve nos artigos 5 e 6 os criterios e efectos da Planificación do aproveitamento eólico en Galiza que se plasmará no Plano Sectorial Eólico de Galiza e se tramitará como “plan sectorial de incidencia supramunicipal aos efectos do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de Novembro, de Ordenación do Territorio de Galiza e na súa normativa de desenvolvemento” (Artigo 6) e, polo tanto, “vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten” (Lei 10/1995. Artigo 24) e “prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente” (Decreto 80/2000. Artigo 8.1) Trátase, pois, dun Plano Sectorial de enorme incidencia pola extensión da súa ocupación, sobre a Ordenación e Planificación do Territorio e, en consecuencia, débenselle esixir as máximas garantías de respecto e compatibilidade cos demais usos do territorio.
A este respecto, os usos ambientais, paisaxísticos ou culturais do solo, porque carezan de aproveitamento económico directo, non deben ser os últimos en seren tomados en consideración. Neste senso, solicitamos das súas señorías que o texto da Lei referido a esta planificación sectorial inclúa zonas e criterios de exclusión que, por riba do negocio do aproveitamento eólico, poñan en valor os servizos ecosistémicos, culturais e de calidade de vida que nos ofrecen os espazos naturais protexidos. Así ten feito Asturias dende 1999, de xeito que nos sucesivos decretos, relaciónanse relacionan diferentes zonas de exclusión no que se inclúen a totalidade dos espazos da Rede Natura, a totalidade da franxa costeira até a coroación das serras litorais, así como outras zonas de interese arqueolóxico, paisaxístico, forestal, etc.
Mal comezamos se antes de seguir desenvolvendo todo tipo de planos sectoriais, non se acordan unhas directrices e un Plano de Ordenamento do Territorio. Este debería ser o primeiro paso antes da tramitación e aprobación de calquer Plan Sectorial de incidencia supramunicipal. En consecuencia co anterior, solicitamos a substitución da disposición transitoria segunda que establece a vixencia áreas de desenvolvemento eólico (ADES) nas áreas de reserva e áreas de investigación definidas no Plano Sectorial Eólico de Galiza vixente, por outra que declare a suspensión de toda tramitación de parques eólicos en tanto non se acometa e se aprobe a necesaria modificación do Plano Eólico. Só así poderán os novos aproveitamentos respectar as directrices que sobre incidencia territorial e ambiental que o Plano necesita definir e tamén respectar as novas zonas de exclusión que o novo Plano Sectorial Eólico chegue a definir.
4. AS CONTRADICIÓNS DO CANON EÓLICO
eolic_sob1.jpgA Lei Eólica, argumentando a favor da completa liberalización da xeración eléctrica e eólica, ven a introducir co nome de “canon eólico” unha nova tributación coa que compensar os ingresos cedidos á Xunta de Galiza como resultado da derrogación do Decreto 242/2007. A esta nova tributación e á súa regulación através do Fondo de Compensación Ambiental, adica o proxecto de Lei case que a metade do articulado (20 artigos de 44), xustificándoa ao amparo do principio de “quen contamina paga” como unha forma de “compensación a favor das áreas territoriais que soportan e sosteñen a implantación de parques eólicos” (Exposición de motivos I. Parágrafo 5), derivada da alteración ambiental e “deseconomía” que a instalación de aeroxeradores supón para o medio ambiente.
Sen deixar de sorprendernos porque esta “preocupación” polo entorno tradúcese no articulado da Lei na desaparición da obrigatoriedade da avaliación de impacto ambiental e no retroceso en protección ao permitirse parques eólicos na Rede Natura, dende a nosa vontade de dotarnos de procedementos e mecanismos de protección ambiental eficaces, manifestamos o noso desacordo con que tal canon eólico poda revestirse de tributo ambiental.
A fiscalidade ambiental, sen renunciar aos seus efectos recadatorios, ten que servir para motivar e provocar un cambio de actitudes no consumidor/a ou produtor/a a favor do ambiente polo feito mesmo da imposición do gravame e non a resultas da finalidade, máis ou menos ambiental, que podan ter os ingresos obtidos. Neste senso, o canon eólico proposto limítase a fixar un gravame no que só contabilizan o número de aeroxeradores instalados e non os impactos xerados. Así pois, cando falta calquer relación a todo tipo de valores ecolóxicos, ambientais, patrimoniais, culturais, paisaxísticos ou sociais, non é o número de aeroxeradores instalados un criterio acertado de valoración de impactos.
Pode, máis ben, que con tal tributación, retrocedamos ao tempo dos primeiros parques eólicos instalados no Xistral (un espazo da Rede Natura con hábitats prioritarios únicos en Europa e moi sensíbeis á calquer intervención), cando para evadir unha avaliación de impacto ambiental rigorosa, cada parque eólico fraccionábase, a efectos administrativos que non de execución, en tres ou máis parques eólicos de menor potencia.
Propoñemos, pois, a eliminación do texto da futura Lei Eólica de todo o relativo ao Canon Eólico e consecuente Fondo de Compensación Ambiental e a súa substitución por unha disposición adicional que recolla a obriga de, no prazo máximo de un ano, presentar ante o Parlamento unha Lei Marco de Fiscalidade Ambiental que recolla os principios dende os que desenvolver, de forma coherente unha tributación ambiental que resulte eficaz para a redución de impactos e a conservación e protección dos valores naturais. Só dende unha Lei Marco poderianse evitar contradicións e inxustizas como as de impoñer tributación ambiental a unha actividade legalmente primada polos seus beneficios ambientais, mentres, por exemplo, a actividade extractiva (minas e canteiras) apesar da destrución de hábitats e de solo que provoca, non estea obrigada a tributación algunha.