Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reduce inversión e fixa para o 2017 o remate da estrada San Cibrao Ferrol, informa o BNG

Nota de Prensa

A Xunta reduce a inversión para esta obra neste ano en 13,1 millóns de euros.

A COTOP fixa o 2017 como data para remate dos prazos lucenses do Corredor Barreiros- Ferrol.

O Bloque Nacionalista Galego considera unha absoluta tomadura de pelo o anuncio que fixo o pasado Venres 30 de outubro na cidade de Lugo, o Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, que no marco da presentación pública das actuación do seu departamento na provincia, afirmou que a data de remate da totalidade dos tramos lucenses do Corredor Barreiros – San Cibrao situábase no 2017.

Na súa comparecencia pública, Hernández, anunciou que se ben o tramo San Cibrao-Celeiro estaría rematado no horizonte de 2013, tanto a variante de Viveiro como o tramo Viveiro – O Barqueiro non estaría rematado ate 2017. Neste sentido debemos ter en conta que en 2001 o Conselleiro Cuíña e o Ministro Cascos comprometeron o remate da VAC Barreiros – Ferrol no 2007, procedéndose a fixar en 2008 por parte do Goberno Bipartito o 2013 como data do remate da obra.

A este respecto e segundo as propias consideracións que se fan por parte da Consellaría hai que ter en conta que a Xunta de Galiza non ten previsto licitar nin un só tramo máis do Corredor na provincia de Lugo que o licitado polo bipartito a principios de 2009 e deixa sen solución ate 2017 a obra que soporta máis densidade de tráfico como é a variante de Viveiro.

Na mesma liña queremos denunciar o importante recorte Orzamentaria que leva adiante o Goberno do PP para esta actuación posto que se nos Orzamentos de 2009 recollíase para os tramos lucenses do corredor un investimento 17,6 millóns de euros para o 2010, nos Orzamentos de 2010 redúcese a inversión para o exercicio 2010 a só 4,5 millóns de euros o que significa unha baixa en números redondos de 13,1 millóns de euros e un descenso en termos porcentuais de máis do 75%.

Non deixa de ser curioso que de todas as obras presentadas polo Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, o pasado Venres 30 de outubro na cidade de Lugo a obra para que se determina un remate máis tardío no tempo sexa esta do que estamos a falar. Isto ten haber co papel marxinal que se lle asina ao norte galego na planificación de infraestructuras o que provoca un aumento do papel residual da comarca e do seu atraso comparativo con outros territorios galegos. “Nos non imos dar por boa a planificación da Xunta de Galiza, que coloca A Mariña a cola da provincia”, afirmou Veiga quen denunciou a dobre linguaxe do PP “na oposición manifestábanse no Vicedo fronte a uns orzamentos con máis dotación para esta obra e hoxe calan cunha contas que reducen o investimento nun 75%”. “Sería bo saber se o PP da Mariña vai dar por bos estes orzamentos e o prazo do 2017 como data para o remate da obra?”,rematou  Veiga

O Responsábel Comarcal do BNG denunciou tamén que a paralización do corredor co alongamento no remate da obra ate 2017 non só significa un problema na vertebración territorial do norte galego senón que sitúa á Mariña nunha situación de desventaxa a hora de enfrontar a crise económica.”O investimento público ten que xogar un papel central na dinamización económica, particularmente nos momentos de crise, incentivando a actividade e inxectando financiación a fin de tirar da economía e da creación de emprego. As contas do PP para 2010 evidencian que o Goberno Feijoó non só está incapacitado para sacar a Galiza da crise senón que o combate da mesma non é unha prioridade”.

Os nacionalistas consideramos insultante para os veciños da Comarca que sexa esta a obra recollida nos orzamentos de 2009 que máis recortes sufre nos Orzamentos de 2010 o que pon en evidencia que o norte galego non é unha prioridade para o PP e tamén a falta de peso do PP de Lugo a nivel galego. Tanto é así que mentres que na zona lucense a rebaixa do investimento respecto ao recollido en 2009  é de 13,1 millóns de euros, na provincia da Coruña a rebaixa é de 2.871.079 Euros ficando situada a mesma para este ano 9.827.950 de Euros.

Exit mobile version