RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, expúxolle ao subdelegado do Goberno, Xosé Vázquez Portomeñe, “a certa preocupación cidadá que hai tras os furtos que se produciron nos últimos tempos, sobre todo no sector da hostelería”. Foi no transcurso da xuntanza que mantivo a Xunta Local de Seguridade.
Suárez Barcia explicou que “valoramos algunha maneira para intensificar a vixianza e acordamos entre Concello e Policía Local por un lado, e Subdelegación do Goberno e Garda Civil por outro, algunhas canles de colaboración que ata o de agora non estaban demasiado exploradas. Todo coa intención de ser máis eficaces”.
O rexedor engadiu que “segundo o subdelegado os datos destes días, ainda que os roubos se produciron todos no mesmo mes, están na tónica habitual, que non é demasiado elevada na comarca”.
Fernando Suárez e Xosé Vázquez Portomeñe tamén falaron da movida nocturna, dos horarios de peche… O rexedor sinalou que “está a recibir queixas de veciños tanto da zona nova como da zona vella relativas a ruidos e a incumprimentos de horario de peches, entre outras cousas. E acordamos máis coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil”.
Á Xunta Local de Seguridade acudiu coma convidado o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga.