Site icon Crónica3.com A Mariña

A volta coa política en Viveiro

A miña relación coa POLÍTICA, entendéndoa como “Ideoloxía é a práctico para unha mellor gobernanza da Polis ou cidade, pobo ou aldea” tivo puntos de euforia, dose de paixón. Atravesou por decepcións varias. Pasou por separacións, cesamentos temporais da convivencia, divorcios e breves reconciliacións. Ata baixas por depresión. Pero agora, a estas alturas, a miña relación coa política que mais preto teño é só cuestión de distancia. Afástame ver como o xogo político se parece máis a un Madrid-Barça que a un debate de ideas para buscar o ben común. Paixón polas cores e incapacidade de recoñecemento dalgunha virtude no rival. Ver os papeis de información local demóstrao.

Pero afástame máis saber que os políticos o saben e o usan. E é que a distancia -corríxome- vai máis cos intérpretes (os políticos) que coa película (a propia política). Os que converten a ciencia e os titulares en xogo de palabras.

Afástanme dous presuntos lideres locais Melchor Roel e Cesar Aja sen talle e, como os malos adestradores, ratificados cada dous por tres polos seus partidos, simpatizantes e forofos. Un quedou só co seu equipo de goberno e algún outro da confraría de “Que hai de lo mio” e ao outro vóanlle en círculo os paxaros á espera de que apoie o xeonllo no chan dende o primeiro día. Afástame un goberno que improvisa e que utiliza parches para tapar buratos. Que non ten tino dos cartos públicos e gasta a esgalla en festas e “chuminadas varias” (moi socialista, seique). Que alza a voz só con caralladas, mentres os parados medran e as paredes se resgan con ‘pechados por cesamento de negocio’.. Afástame unha oposición que é como ese compañeiro de traballo que baixa a fumar a todas as horas para criticar. Que non sabe usar unha lavadora que deixe limpos os seus trapos máis manchados. Como un boxeador pegón, pero sen pegada. Afástanme moita xentiña de Deus e o seu conformismo de presebe, o comercio dos tránsfugas (os cadáveres no armario que todos teñen), e a dilapidación…

Que canta… Distancia.

Exit mobile version