Site icon Crónica3.com A Mariña

A vía de alta capacidade da costa desaparece dos orzamentos autonómicos e estatais, asegura o BNG

Nota de Prensa

Veiga denuncia que a VAC desaparece dos Orzamentos Autonómicos e Estatais.

A Deputación debate mañá unha moción para instar ao Goberno Central e Autonómico o remate da VAC en 2014

A Deputación de Lugo debaterá mañá unha moción do BNG no que se urxe ao Goberno central e Autonómico o remate da VAC no horizonte de 2014 tal como se recollía na planificación da obra que definía o Goberno Bipartito nos orzamentos do pasado ano. O autor da moción, o Deputado Nacionalista Mariñao, Antonio Veiga agarda que esta iniciativa do BNG conquira o consenso da Corporación Provincial. O Portavoz do grupo Provincial do BNG afirmou que “ a rectificación da planificación viaria do norte galego ten que ser unha prioridade para o conxunto das forzas sociais e políticas de Lugo. Non estamos dispostos a que A Mariña se converta na cenicienta de Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego considera unha absoluta tomadura de pelo que a Xunta de Galiza demore ate 2017, o remate da totalidade dos tramos lucenses do Corredor Barreiros – San Cibrao. A este respecto hai que ter en conta, que en sé parlamentaria o Goberno Galego, anunciou que se ben o tramo San Cibrao-Celeiro estaría rematado no horizonte de 2013, tanto a variante de Viveiro como o tramo Viveiro – O Barqueiro non estaría rematado ate 2017. Neste sentido debemos ter en conta que en 2001 o Conselleiro Cuíña e o Ministro Cascos comprometeron o remate da VAC Barreiros – Ferrol no 2007, procedéndose a fixar en 2008 por parte do Goberno Bipartito o 2013 como data do remate da obra.

Na mesma liña queremos denunciar o importante recorte Orzamentaria que leva adiante o Goberno do PP para esta actuación posto que se nos Orzamentos de 2009 recollíase para os tramos lucenses do corredor un investimento 17,6 millóns de euros para o 2010, nos Orzamentos de 2010 redúcese a inversión para o exercicio 2010 a só 4,5 millóns de euros o que significa unha baixa en números redondos de 13,1 millóns de euros e un descenso en termos porcentuais de máis do 75%. “Nos non imos dar por boa a planificación da Xunta de Galiza, que coloca A Mariña a cola da provincia”, afirmou Veiga quen demandou dos deputados mariñaos un sentido de voto que atenda as demandas veciñais da Mariña e non as directrices do seu Partido. “Hai que mollarse pola Mariña” recalcou o Portavoz do Grupo Provincial do BNG quen esixiu unidade e liderazgo por parte do organismo provincial para que esta obra sexa unha realidade.

“Nos non imos converter as infraestruturas nunha arma de confronto político, coa que sacar tallada partidista, agora ben que cada quen asuma as súas responsabilidades. O voto nunha ou outra dirección, vai máis lonxe do debate puntual de mañá, vai dar a foto fixa de a que está cada Deputado en San Marcos.Na Deputación hai representantes de Barreiros, de Burela, de Cervo ou de Viveiro, agardemos, que ao día seguinte ningún deles teña que agochar a cara diante do veciño” afirmou Veiga.

A este respecto e segundo as propias consideracións que se fan por parte da Consellaría hai que ter en conta que a Xunta de Galiza non ten previsto licitar nin un só tramo máis do Corredor na provincia de Lugo que o licitado polo bipartito a principios de 2009 e deixa sen solución ate 2017 a obra que soporta máis densidade de tráfico como é a variante de Viveiro.

O BNG quixo denunciar tamén os incumprimentos do Goberno do Estado, que a data de hoxe, o único que fixo en relación co tramo da súa competencia foi facer público un Estudo Informativo en Agosto deste ano, sen que ate hoxe teña nin resolto as alegación nin aclarado que cronograma ten fixado para a mesma. “Estamos outra vez nas mesmas, Fomento desde 2004 destinou cantidades miserábeis a unha actuación que tiña que estar comezada en 2002, e en 2010 volta a recoller eses 60.000 Euros que xa parecen de rigor. Non é serio, o Ministro ten que explicar dunha vez por todas cal é a súa planificación e asumir compromisos cos seus votantes da Mariña” afirmou Veiga, quen recordou que hai unha proposición non de lei no Congreso para o seu debate e agarda que os representantes galegos non se voten atrás e sobre todo que Fomento cumpra posteriormente co acordado.

O Responsábel Comarcal do BNG denunciou tamén que a paralización do corredor co alongamento no remate da obra ate 2017 non só significa un problema na vertebración territorial do norte galego senón que sitúa á Mariña nunha situación de desventaxa a hora de enfrontar a crise económica.”O investimento público ten que xogar un papel central na dinamización económica, particularmente nos momentos de crise, incentivando a actividade e inxectando financiación a fin de tirar da economía e da creación de emprego. As contas do PP para 2010 evidencian que o Goberno Feijoó non só está incapacitado para sacar a Galiza da crise senón que o combate da mesma non é unha prioridade”.

Exit mobile version