A provincia de Lugo caracterízase pola grande riqueza mediambiental e paixasística. Máis da metade do seu territorio está avalado pola UNESCO como Reserva da Biosfera. Pero ademais de polo medioambiente, Lugo tamén destaca pola variedade de produtos autóctonos que xera a súa terra, en definitiva… polo bo comer!
Quen se resiste a uns grelos de Vilalba, ó bonito de Celeiro, ou a uns chourizos da Fonsagrada? Distintos produtos que configuran o amplo menú que ofrece a provincia de norte a sur e de leste a oeste. Ante tal riqueza produtiva, na Deputación de Lugo poñeremos en marcha dúas novas liñas de actuación, incluídas no programa europeo Lug02, destinadas a mellorar a comercialización e a calidade dos produtos autóctonos das Reservas da Biosfera –Terras do Miño, Eo-Oscos-Terras de Burón e Ancares- e da comarca do Courel, a través da I+D+I.
Innovamos e creamos unha ferramenta que pretende ser un espazo común no que figurarán grande cantidade e variedade de produtos autóctonos baixo a marca de Lugo Sabe. Eu diría máis, ademais do I+D+I, van dirixidas a dúas letras fundamentais: a P e V. É dicir, producir e vender, que é realmente onde está esa ganancia. En definitiva, o que buscamos é revalorizar o produto agroalimentario a tráves dun programa integrado e favorecer que as empresas sexan máis competitivas.
A primeira das iniciativas contempla a creación dunha canle de comercialización a través dun portal web no que se exporán os produtos das Reservas e do Courel. Esta vía comercializadora será on-line, é dicir, crearase a través da páxina web de Lug02. Os produtores poderán xestionar os seus alimentos para posteriormente poñelos á venda nun tenda virtual, creándose así unha central de comercialización que permitirá ós produtores chegar con facilidade ós seus clientes, evitando intermediarios na cadea de distribución e, polo tanto, mellorando e aumentando as posiblidades do seu negocio.
Ademais, tamén melloraremos a calidade dalgún produto alimentario. Esta mellora vai dende a hixiene, o empaquetamento, sistema de envasado conservación, elaboración e propiedades na cadea de produción, de tal xeito, que tamén se contribúe a súa comercialización e a súa difusión.
As dúas iniciativas súmanse a outras que xa puxemos en marcha dentro do programa medioambiental, dotado con 5 millóns de euros, e destinado a poñer en valor a riqueza medioambiental da provincia e a converter o medio ambiente nunha oportunidade económica. Nestes momentos, estamos executando 3.400.000 euros, é dicir, o 70% do total do proxecto.
En definitiva do que se trata é de reivindicar o orgullo de ser lucense e impulsar a economía e o comercio local dos Concello, sobre todo, nun momento de crise económica como o actual.