“A fantástica viaxe de Patri” enmárcase dentro da campaña “Contos para Falar” do programa Bocaberta e trátase dunha montaxe narrativa e musical consistente nunha viaxe ao longo de Galicia que actúa como fío condutor das narracións. Nesta viaxe, e a través de varios contos de situación, móstranse distintos aspectos de Galicia, integrando a rural e mais a urbana, o traballo, o transporte e o mundo dos nenos.
O programa Bocaberta é unha iniciativa de dinamización do uso do galego entre os máis pequenos, que conta coa participación de 11 prestixiosas editoriais. Bocaberta vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 18 anos, agrupa toda unha serie de actividades organizadas polas distintas editoriais que percorrerán 286 concellos de Galicia, entre os que se atopa Cervo. O obxectivo é fomentar o uso do galego neste segmento de poboación achegándoos dun modo positivo á lingua e á cultura galegas. Así, todas as iniciativas están deseñadas desde os intereses dos máis novos, para promover a súa participación activa.
A concelleira de Educación do Concello de Cervo, Yolanda Pedreira, lembrou que esta era a segunda vez que este programa divulgativo recala no municipio, trala actruación hai un mes do espectáculo de maxia de “Mali o Mago”.
Esta actividade está organizada conxuntamente polas concellerías de Cultura e Educación e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.