LUGO .- O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, informou este luns das actuacións levadas a cabo na rede viaria provincial para atender as incidencias ocasionadas pola primeira nevada iniciada no día de onte. En total atendéronse 8 incidencias que corresponderon fundamentalmente á retirada de neve das estradas da Deputación que corresponden ás seguintes zonas: 8, formada polos Concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna; 9 por Cervantes e Pedrafita do Cebreiro; e, zona 10, por Folgoso do Courel, Incio, Samos, Triacastela, Quiroga, Ribas do Sil.
O responsable do departamento de Vías e Obras do organismo provincial subliñou que “as incidencias foron 8, moi poucas. Todas elas de retirada de neve. Nestes momentos están traballando na zona de Becerreá, Samos Incio, Pedrafita, Cervantes e Fonsagrada”.
A Deputación puxo en marcha un dispositivo formado por 36 vehículos, entre os que destacan 1 camión e 2 tractores cuña, 6 todoterreos con cuña, 8 tractores e 5 camións con cuchilla, 2 palas retro-mixtas, e ducias de operarios. En todas as estradas esparcíronse uns 40 quilos de sal.
Un amplo dispositivo
De cara a todo o inverno, a Deputación ten un amplo dispositivo para atender as incidencias que poidan xurdir nas vías provinciais ó longo do inverno. Este dispositivo está formado por 110 operarios e 160 vehículos. Tal e como adiantou o Deputado responsable destas actuacións, xa se compraron 800 toneladas de sal, repartidas en 14 saleiros distribuídos por toda a provincia, “e estamos en condicións de que, no caso que se necesiten, se nos sirvan por parte da empresa subministradora nun prazo de 24 horas”.
Neste senso subliñou que “hai aproximadamente 15 días ratificouse todo o operativo que temos previsto para os vindeiros meses. Despois da experiencia do ano pasado que pasamos con notable éxito onde tivemos 3 meses de temporal seguidos, neste ano xogamos con avantaxa porque unha vez adxudicada a Conservación no mes de maio, o primeiro que se deu orde foi limpar todas as estradas da Deputación e retirar os árbores que quedaban”. A este respecto, indicou que “todo iso limpouse nos meses de verán e procedeuse a un rebacheo con gravilla solta de todas as estradas que tiñan deficiencias. O estado en xeral das estradas agora é bo e continuamos a renovar con aglomerado en quente as vías”.