LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentaron este luns a segunda edición da Festa Degustación do Mexillón, que organiza este Concello en colaboración co Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), dependente do organismo provincial.
Lara Méndez destacou que o organismo provincial promociona os produtos autóctonos da provincia, contribuíndo a manter moitos postos de traballo, a través das subvencións directas do INLUDES, das axudas ós autónomos ou a través da campaña “Lugo Sabe,” que inclúe a distribución de 14.000 lotes de productos autóctonos. “Un dos obxectivos que nos marcamos dentro desta campaña é promocionar o produtos do mar non interior e os do interior na Costa luguesa. A festa que hoxe presentamos é un exemplo disto”.
A cita será o día 7, no pavillón multiusos de Becerreá. A partir das 18:00 horas rendirase homenaxe ós produtos mariños con esta festa, pola que pasarán unhas 1.000 persoas, e na que se degustarán 1.200 quilos deste molusco. Para os establecementos de hostalería repartiranse gratuitamente uns 400 quilos.
Neste senso, a Vicepresidenta Segunda subliñou que “na ponte da Constitución esta Comarca, que é a máis montañosa de Galicia, será mar e monte. A iniciativa pretende atraer á vila os visitantes que durante estes días festivos se acheguen á Montaña, ó tempo que se promociona o consumo deste produto na comarca do interior”.
Asimesmo, o Alcalde de Becerreá indicou que “a intención do Concello cando se plantexou este exaltación era facer chegar o mar á montaña. É unha forma de que produtos que non son naturais da zona cheguen a converterse en habituais. Temos o polbo ou o bacalao que ninguén discute que hoxe se utilicen nas casas da Comarca. O que se trata é de que o mexillón sexa un complemento da dieta de carne, e que enriqueza a alimentación máis típica desta zona”.
Manuel Martínez destacou que a cita gastronómica de 2008 foi todo un éxito, de tal xeito que se degustaron ó redor de 2.000 quilos de mexillón. O Alcalde destacou a colaboración da Deputación, xa que “este ano a Consellería de Sanidade felicítanos pola idea, pero non apoia a celebración. Polo que respecta ó departamento de Pesca tamén se lle notificou e, nestes momentos, nos sabemos nada. Entendemos que non van apoiar o evento, aínda que lles parece unha boa idea. Isto débese a que o Partido Popular non goberna en Becerreá”.
O programa da festa tamén inclúe actividades para nenos e unha orquestra que amenizará a cita gastronómica.