LUGO .- A Deputada da Área de Economía, Regina Polín, anunciou este xoves, durante a inauguración da xornada informativa Profesionalización do turismo medioambiental, que o organismo provincial porá en marcha da marca Lug02. Regina Polín subliñou que “se trata dun distintido de calidade propia para os establecementos dos 37 Concellos pertencentes ás Resevas da Biosfera e do Courel”.
A responsable da Área de Economía explicou que “a Deputación está a traballar nesta marca que obterán os servizos de aloxamento, os comercios, ou os restaurantes, que cumpran as Normas de Calidade Turística, e outros criterios que estamos a pechar”.
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto europeo Lug02, e irá ligada coa xestión medioambiental das empresas, ou coa aplicación das novas tecnoloxías. Regina Polín salientou que “o obxectivo é que Lugo sexa tamén un referente dentro do turismo rural, un sector piar da economía en Galicia. O 55% da superficie da nosa provincia é Reserva da Biosfera o que nos ofrece oportunidades únicas. Todos xuntos temos que apostar pola economía verde e o desenvolvemento de Lugo”.
A xornada informativa Profesionalización do turismo medioambiental que se desenvolveu no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, contou coa presenza de representantes dunhas 30 empresas luguesas. Durante o encontro, abordáronse as liñas de actuación de Lug02 encamiñadas a que a ampla oferta turística rural de Lugo vaia en paralelo co desenvolvemento económico da zona.
Lug02 na USC
A Deputación leva esta tarde ao III Foro de Emprego da USC que se está a desenvolver no Campús lugués as iniciativas do proxecto europeo dirixidas a creación de emprego para recén titulados e emprededores.
Neste senso, o Responsable de proxectos europeos do organismo provincial, José Enrique Rodríguez Coello, intervirá nunha exposición que terá lugar ás 17:30 horas na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
Os temas a tratar serán principalmente, o convenio que a Deputación aprobará nos vindeiros días coa Universidade de Santiago de Compostela para a posta en marcha dun programa de prácticas profesionais becadas para xóvenes da provincia, e orientadas ao medioambiente e ao turismo.
A iniciativa, que conta cun presuposto de 234.000 euros, permitirá que 20 recén titulados fagan prácticas en países europeos durante 4 meses, e durante 8 meses en empresas de Lug02. Deste xeito, a Deputación busca aumentar as posibilidades de inserción dos mozos titulados.
Da mesma forma, exporanse outras liñas de actuación do proxecto europeo como o apoio a xóvenes investigadores para a constitución de empresas no ámbito da alimentación.
O III Foro de Emprego da Universidade de Santiago de Compostela, que comezou este pasado mércores, supón unha esperanza profesional para os 500 alumnos que están a asistir as actividades programadas no campús lucense. Nas ponencias interviron, ademáis do Responsable de proxecto europeos da Deputación, a Concelleira de Economía de Lugo, Sonia Méndez.