LUGO .- O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o delegado da Área de Cultura, Antonio Veiga, mantiveron unha reunión coa propietaria das parcelas colindantes ao Museo do Mar de San Cibrao, María del Carmen Díaz Iglesias, co fin de chegar a un acordo que permita a adquisición total ou parcial dos terreos. Antonio Veiga destacou que “as primeiras actuacións da Deputación non foron outras que tentar limar as asperezas deixadas en herdanza polo anterior goberno provincial e o concello de Cervo en relación a esta negociación”.
A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN AVANZA NAS NEGOCIACIÓNS PARA ADQUISICIÓN TOTAL OU PARCIAL DOS TERREOS COLINDANTES AO MUSEO DO MAR
Están abertas varias posibilidades para unha ampliación do Museo do Mar que arrastra as dificultades herdadas das xestións do anterior gobernó da Deputación
LUGO, 28 de novembro de 2009. O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o delegado da Área de Cultura desta mesma institución, Antonio Veiga, valoran de xeito moi positivo o avance nas negociacións mantidas, neste últimos meses, coa propietaria das parcelas colindantes ao Museo do Mar, María del Carmen Díaz Iglesias, e que permitirían a adquisición total ou parcial destes terreos. Despois do prolongado silencio en relación a estes contactos acordado coa familia propietaria acordouse facer pública existencia destes contactos ao producirse importantes avances, que ao parecer dos responsábeis nacionalistas da Deputación, poden dar resultados positivos a curto prazo. O asesor da Vicepresidencia da Deputación, Xoán Antón Estúa, participou de xeito activo nas xuntanzas que se levaron a cabo para chegar a este punto da negociación.
Antonio Veiga agarda que este bo entendemento poida materializase en breve coa ampliación das instalacións deste Museo. Alén disto, o delegado da Área de Cultura quixo salientar a boa disposición amosada dende o primeiro intre pola da propietaria destes terreos á hora de abordar un tema complexo e delicado coma este. Neste sentido, o nacionalista lembrou que o actual goberno da Deputación de Lugo está tentando pórlle solución “ás nefastas xestións” realizadas polo anterior goberno desta institución e o Concello de Cervo que entorpeceron dende un primeiro momento o bo entendemento entre as partes implicadas.
O responsable nacionalista da Área de Cultura da Deputación quixo deixar claro que “as primeiras actuacións da deputación non foron outras que tentar limar as asperezas deixadas en herdanza polo anterior goberno provincial e o concello de Cervo en relación a esta negociación”. Veiga afirmou que a prepotencia e as malas formas dos gobernos das dúas institucións entorpeceron a achega de posicións cos propietarios da finca e da a sensación que o PP pretende seguir na mesma liña”. “Para maior afondamento lembrou os anuncios de representantes gobernativos, tanto de Cervo como da Deputación, que daban por feita a compra do solar no 2003 sen nin sequera ter mantido o primeiro contacto cos propietarios, un erro no que, por responsabilidade, nos non imos caer.”
A Área de Cultura destaca a aproximación de posturas cos propietarios da parcela
O responsábel de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, destacou os avances na negociación coa familia propietaria da parcela anexa ao Museo do Mar de San Cibrao que permitirán, de continuar na mesma liña e sen intromisións, ofrecer resultados positivos de cara á ampliación das instalacións museísticas de San Cibrao. Veiga fixo pública a apertura de varias posibilidades en relación á parcela anexa ao museo nas que figuran a adquisición da súa totalidade ou dunha parte, que en calquera caso si ofrecería a posibilidade de acceso á fachada marítima de San Cibrao dende o propio museo.