CELEIRO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, inaugurou as Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se desenvolven en Celeiro. Arias subliñou que o esforzo da Consellería do Mar “acabou coa barra libre do furtivismo” e que esta loita “verase reforzada con 19 millóns de euros destinados á conservación ambiental do mar e as nosas costas”.
Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS CIFRA EN 50 MILLÓNS DE EUROS O INVESTIMENTO DA XUNTA PARA A MELLORA DA INVESTIGACIÓN E A PRODUTIVIDADE NO SECTOR PESQUEIRO
* A delegada territorial da Xunta inaugurou hoxe as Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se desenvolven en Celeiro
* Arias subliñou que o esforzo da Consellería do Mar “acabou coa barra libre do furtivismo” e que esta loita “verase reforzada con 19 millóns de euros destinados á conservación ambiental do mar e as nosas costas”
Celeiro (Viveiro), 20 de novembro de 2009.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, sinalou hoxe que os orzamentos da Consellería do Mar para o 2010 destinan “máis de 51 millóns de euros á mellora da produtividade, aos investimentos en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, e ó sector da comercialización e transformación de produtos pesqueiros”.
Arias inaugurou hoxe as XIV Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se celebran en Celeiro, ás que se referiu como “unhas das máis importantes no mundo do sector pesqueiro galego e español” xa que presenta “un programa moi completo, diverso e exhaustivo, abarcando todos os ámbitos de interese para o sector”.
A delegada explicou o obxectivo da Xunta é “lograr un mar sostible, económica, social e ambientalmente” e que para elo “os orzamentos do 2010 van dedicar partidas a cada un destes capítulos”. Así, indicou que “vanse investir máis de 41 millóns de euros na parte social, onde a formación, a seguridade e a diversificación da actividade van ser os apartados máis destacados”.
Un dos eidos no que se baseará a actuación da Consellería de Mar será, segundo avanzou a delegada, a loita contra o furtivismo. Arias considera que os esforzos neste punto están a dar os seus froitos. “O compromiso da consellería acabou coa barra libre do furtivismo”, apuntou.
Neste senso, engadiu que a erradicación do marisqueo e a pesca ilegal é un dos principais condicionantes para a conservación ambiental. “A Xunta –explicou- destinará máis de 19 millóns de euros ao capítulo ambiental, no que se engloba o furtivismo, e no que ademais preténdese mellorar as zonas de produción”.
Arias celebrou a recente liberación dos mariñeiros do Alakrana, rexeitou “a sempre escura acción dos terroristas do mar” e instou aos mariños a manter viva a ilusión pola súa profesión: “Este é un interese compartido porque o futuro do mar interésanos a todos, xa que tamén marca o futuro da nosa sociedade”, concluíu.