Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta en Lugo clausurou unha xornada da CEL sobre as explotacións leiteiras

LUGO  .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe a rápida resposta que o Goberno galego está a articular ante a crise do sector leiteiro, o que se reflicte especialmente no establecemento e ampliación de liñas de subvención destinadas a axudar aos gandeiros a superar a difícil situación económica.

A delegada territorial realizou estas declaracións no acto de clausura da xornada Emprende-TIC sobre novas tecnoloxías organizada pola Fundación CEL xunto coa Asociación Provincial de Criadores de Frisona de Lugo (Africor), no que destacou “a ampliación en máis de dous millóns de euros (2,12 millóns) do orzamento para axudas á viabilidade das explotacións leiteiras” realizada pola Consellería de Medio Rural, unhas achegas das que poderían beneficiarse “máis de 4.500 gandeiros”.

Entre as diversas iniciativas de apoio postas en marcha pola Xunta, Arias destacou o caso concreto das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas a través da redución de custos de produción. Na provincia de Lugo en torno a 400 gandeiros presentaron a solicitude xunto co plan de mellora deseñado. A achega da consellería pode acadar o 55% do investimento nas zonas desfavorecidas da provincia.

Así mesmo, Arias fixo referencia aos esforzos desenvolvidos no eido das tecnoloxías aplicadas ao agro. “Só coa inversión en tecnoloxía se poden desenvolver novos produtos e novos procesos que resulten máis rendibles e que respondan ás expectativas dos consumidores e que nos permitan competir en mercados cada vez máis esixentes”, indicou a delegada territorial.

Neste sentido, a representante da Xunta de Galicia asegurou que o Plan director de Banda Larga de Galicia “a partir de xaneiro vaise converter nun elemento primordial para impulsar unha estratexia global que permita que tódolos galegos acceder á sociedade da información” co calidade e prezos asequibles. Unha actuación que cobra relevancia estratéxica no ámbito do medio rural.

Exit mobile version