Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta comprometeuse en Foz a axilizar o proxecto de abastecemento do concello

FOZ .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Foz e mantivo encontros con representantes da oposición, pertencentes ao grupo popular, e co alcalde, José María García Rivera, con quen conversou sobre os proxectos que o goberno autonómico desenvolve no municipio.

No marco da xuntanza que mantivo con rexedor, a delegada territorial comprometeuse a actuar para axilizar o proxecto da rede de abastecemento do concello de Foz, asegurando que trasladará ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruras, Agustín Hernández, as demandas realizadas polos veciños para a mellora deste servizo.

A delegada tamén sinalou que “nestes momentos estase a proceder á revisión do anteproxecto da nova EDAR”. O anteproxecto existente, de decembro de 2007, non contempla unha solución para un dos principais problemas que ten a infraestrutura que presta servizo agora, “que é o control de pluviais e de infiltración dunha rede de colectores básicamente unitaria como é a de Foz”, segundo explicou Raquel Arias.

Por tanto, estase realizando un estudio da situación segundo o establecido nas Instruccións Técnicas de Obras Hidráulicas en Galicia (ITOHG), presentadas o pasado luns. Desta maneira búscase que se contemple unha xestión apropiada destas aguas de choiva e poder deseñar unhas intervencións encamiñadas ao bo funcionamiento da EDAR que se proxecte, caso duns tanques de tormenta nos puntos apropiados. O estudo que se está levando a cabo ten por tanto como obxectivo establecer a configuración óptima do futuro sistema de saneamento e depuración de Foz, para posteriormente e en base ás súas conclusións, redactarse o correspondente anteproxecto.

Por outra parte, Raquel Arias subliñou que “a Xunta rematou recentemente ou ten en marcha proxectos na localidade que suman un investimento de 1.275.700 euros”. Entre eles, destacou varios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, como a construción de beirarrúas nalgúns tramos da estrada LU-152, en concreto os de San Martiño, San Acisclo e a saída hacia Ferreira do Valadouro, no que se invisten 800.000 euros. Así mesmo, procedeuse ao reforzamento do firme, repintado e mellora da drenaxe da LU-151 entre San Acisclo e Fazouro, unha actuación acometida ao amparo do Plan de Choque aprobado pola Xunta e que supón un investimento de 230.000 euros.

Por medio da liña de subvencións do Plan Urban, a Consellería de Economía e Industria facilitou a realización das obras da Rúa Constitución, consistentes no establecemento de servizos e pavimentación con adoquinado, e cuxo montante económico total supera os 200.000 euros.

Tamén a consellería de Medio Rural desenvolve actuacións no concello e ven de adxudicar en 86.000 euros os traballos de saneamento do barrio de Bargado e na pista ao porto, na parroquia de Fazouro. Este proxecto forma parte do plan de infraestruturas no medio rural. As relacións de colaboración esténdense tamén cara a outros ámbitos, como as actividades dirixidas á mocidade ou os programas de fomento do emprego.

Raquel Arias e García Rivera tiveron a oportunidade de falar sobre estas e outras posibles liñas de colaboración e proxectos a desenvolver no futuro, entre eles a próxima apertura da escola infantil de Foz, prevista para o primeiro trimestre de 2010.

Exit mobile version