BURELA (FNC) .- Teatro e zarzuela son as citas culturais desta fin de semana en Burela, dentro da programación de outuno, segundo ven de anunciar a concelleira de Cultura.
Neves Cando explica que “o venres 6 de novembro ás 21:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura terá lugar a representación da obra teatral So con Carlos Blanco. Despois do grande éxito de público colleitado na súa anterior visita a Burela en marzo do ano pasado, de novo contamos coa presenza deste magnífico actor que nos presentará, nunha comedia monólogo e só no escenario fronte ao público, as vivenzas do seu percorrido polo Camiño de Santiago: os atascos nas corredoiras para chegar os primeiros aos albergues, a hostelería galega única no seu xénero, as anécdotas da viaxe en distintos idiomas e a chegada ao final a Compostela. Ésta é a nova aventura de Carlos Blanco, con bastón, mochila e coche de apoio porque, como di él, cadaquen fai o camiño como pode. Agardamos que unha vez máis o noso Auditorio se encha para gozar coa magnífica interpretación de Carlos Blanco este venres día 6”.
A edil nacionalista engade que “completamos a fin de semana cunha maravillosa e novidosa actuación musical o sábado día 7 ás 21:00 horas tamén no Auditorio. Trátase dun concerto a base de temas de zarzuela que nos ofrecerán a Coral Polifónica de Burela e a Banda de Música de Viveiro. Gozaremos dunha actuación única porque non é doado xuntar a estas dúas entidades para interpretar esta selección de pezas de zarzuela, que seguro serán do agrado de todos os veciños e veciñas de Burela. Esta actuación é posible grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Fundación Caixa Galicia. Temos polo tanto unha fin de semana cultural de grande calidade en Burela co xenial Carlos Blanco o venres e coa Coral de Burela e a Banda de Viveiro o sábado”.