Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Foz aprobou unha moción do BNG en defensa da area sanitaria da Mariña, din os nacionalistas

Nota de Prensa

A CORPORACIÓN DE FOZ APROBA POR UNANIMIDADE UNHA MOCIÓN DO BNG EN DEFENSA DA AREA SANITARIA DA MARIÑA

O portavoz municipal, González Basanta, puntualiza: “O PP non pode seguir enganando á xente debaixo da pel de cordeiro no tema sanitario”

O pleno da corporación de Foz aprobou por unanimidade unha moción do BNG no que se pedía defender o mantemento do mapa sanitario de Galiza no que atinxe á área de saúde da Costa, mantendo a área sanitaria da Mariña, con todas as competencias que ten na actualidade e ampliando os servizos que conta na actualidade. Esta última petición foi aportada polo grupo municipal do PP non tendo ningún problema o BNG en adherila ao texto orixinal porque nos parece importante que os servizos tanto dos distintos Centros de Saúde coma do Hospital da Costa aumenten en número e en calidade. Só así os veciños da Mariña poderán sentirse ben atendidos.

Se ben confiamos en que o voto do grupo municipal do PP é sinceiro non podemos deixarnos enganar por un partido político que a nivel do goberno da Xunta intenta aplicar as mesmas políticas sanitarias privatizadoras que están a aplicar noutras comunidades gobernadas por eles como Madrid ou Valencia. Tanto é así que xa puxeron en marcha sistemas de xestión mixta na construcción de Centros de Saúde e de Hospitais que consisten en que a Xunta pon os cartos e as empresas privadas xestiónanos como queren, buscando un negocio rendábel que dea os máximos beneficios posibéis. A Consellaría que dirixe Pilar Farjas xa aplicou este sistema ao novo Hospital de Vigo e quere o facer co de Lugo e con 23 novos centros de atención primaria. Polo contra, este ano a Xunta dedica 60 millóns de euros menos nos orzamentos a esta área cunha clara intención de baleirar o carácter público da sanidade desviando fundos para a xestión e a atención privada. A privatización da xestión dos centros sanitarios significa menos recursos humanos, menos contratacións, máis precariedade de servizos e un empeoramento da asistencia sanitaria porque os beneficios empresariais van primar sobre o interese público.

A supresión da área sanitaria da Costa ou a xestión centralizada en Lugo -seguramente privada-, significaría ao ver do Grupo Municipal do BNG unha merma na calidade asistencial que se lle presta á poboación de Foz e non pode consumarse porque sería avanzar no desmantelamento de servizos da Mariña, particularmente nunha cuestión central como é a atención sanitaria; por iso convida a todos os focegos e focegas a mobilizarse para defendelos.

Exit mobile version