VIVEIRO .- Diante da supresión do servizo de Internet nos Centros Socioculturais do Concello de Viveiro que, nos anos do goberno local bipartito funcionou en varios locais das parroquias, a Asociación Veciñal de Valcarría vai facer unha recollida de sinaturas entre as distintas directivas das asociacións de veciños do concello de Viveiro para reclamar que se restableza este servizo.
A Asociación de Veciños de Valcarría considera que este servizo que se viña prestando á veciñanza desde os Centros Socioculturais debe manterse, tendo en conta, ademais que non sería un asunto custoso xa que o Concello dispón de persoal para atender os centros, tal e como o viña facendo durante a etapa de cogoberno PSOE-BNG. A Asociación Veciñal de Valcarría entende tamén que as asociacións de veciños seguirán dispostas a colaborar na apertura destes centros.