LUGO .- Un grupo de persoas da asociación de veciños “O Refugio” de San Xorxe, no Concello de Lourenzá, e a outro de alumnos e alumnas do CEIP San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, participaron no programa Km0 que promove a Deputación. Ambos grupos foron recibidos pola vicepresidenta segunda do ente provincial, Lara Méndez.
NOTA DE PRENSA
Estudantes de Monforte inauguran na Terra Chá a actividade de tirolina, incluída no Km0 Xtreme
– É a segunda ruta que se inicia dentro do innovador programa medioambiental, despois da viaxe en helicóptero que inaugurou o Presidente da Deputación en Ribadeo
– Preto de 300 persoas participan esta semana no programa de visitas medioambientais que promove o organismo provincial
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos, a dous grupos, un da Asociación de Veciños “O Refugio” de San Xorxe (Lourenzá) e a outro do CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros), dentro do programa de visitas institucionais Km0 que promove a Deputación.
No primeiro caso, os participantes elexiron a Ribeira Sacra, onde fixeron a ruta dos Muíños e un percorrido en catamarán polos Canóns do Sil. Tamén coñeceron as Insuas do Miño.
Polo que se refire ós alumnos do CEIP de San Miguel de Reinante, de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, desprazáronse ata o Concello de Vilalba, onde visitaron o Museo Arqueolóxico, a Charca de Alligal, o Seguidor Solar e Torre dos Andrade. Previamente, fixeron un percorrido polas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial.
A actividade de tirolina, incluída na modalidade Xtreme de Km0 será a protagonista de mañá. 14 alumnos, con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos, do IES A Pinguela de Monforte, inaugurarán esta iniciativa que ofrece o programa pioneiro en España da Deputación, e que se desenvolverá na área recreativa Arrigoira (Concello de Castro de Rei) a partir das 16:00 horas. Trátase dunha actividade divertida, sen risco para os participantes, e consistente en deslizarse por unha corda dende un punto máis alto a outro de menor altura.
Esta é a segunda actividade que se inicia dentro da modalidade Xtreme, despois da viaxe en helicóptero que inaugurou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, no mes de setembro en Ribadeo, e que permite coñecer a provincia a través da multiaventura e o deporte. Antes de participar na tirolina, os alumnos farán unha ruta de sendeirismo ó carón do Rio Miño, en Lugo. Por outra banda, membros da Asociación Trasalba de Láncara embarcarán en Chancís e farán a ruta dos Muíños.
Por último, a Asociación de Mulleres Santa María de Torre, do Concello de Vilalba, optarán o xoves polo Piornedo onde, ademais de visitar as Pallozas, coñecerán a igrexa de Donís. Ese mesmo día, un grupo de veciños dos barrios lugueses das Gándaras, Albeiros, Ponte Romai e Virxe da Soidade desprazaranse ata a Ribeira Sacra para facer a ruta a pé ata o Mirador Pena do Castelo e unha viaxe en catamarán por Amandi.