CERVO .- A Depuatción provincial descubreu unha placa conmemorativa do 40 aniversario do Museo do Mar de San Cibrao. Na placa recordase a labor cultural e divulgativo desenvolto en 1969 polo profesor Rivera Casás e máis á doazón de 60.000 pesetas, realizada en 1931, polo matrimonio formado por José Manuel Fernández Montenegro e Manuela Goñi Maiste, que permitiu a construción do edificio que actualmente alberga o Museo do Mar e que ata os anos 70 amparou a escola da vila. No acto participaron antigos alumnos, herdeiros do profesor Francisco Moisés Rivera Casas, familiares do matrimonio formado por José Manuel Fernández Montenegro e Manuela Goñi Maiste, o delegado da área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, e diversas autoridades locais.
Nota de Prensa
PARTICIPACIÓN MASIVA NO DESCUBRIMENTO DA PLACA CONMEMORATIVA DOS 40 ANOS DO MUSEO PROVINCIAL DO MAR
Os alumnos e familiares do profesor Rivera Casas e do matrimonio Fenández Montenegro-Goñi acompañaron a Antonio Veiga neste acto tan sinalado
LUGO, 10 de outubro de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este sábado na segunda xornada dos actos que conmemoran o 40 aniversario do Museo Provincial do Mar. O nacionalista, acompañado pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago, os antigos alumnos e os herdeiros do profesor Francisco Moisés Rivera Casas, os familiares do matrimonio formado por José Manuel Fernández Montenegro e Manuela Goñi Maiste, e diversas autoridades locais, descubriu a placa honorífica na que se fai referencia ao labor cultural e divulgativo desenvolto en 1969 polo profesor Rivera Casás e máis á doazón de 60.000 pesetas, realizada en 1931 polo matrimonio anteriormente citado, que permitiu a construción do edificio que actualmente alberga o Museo do Mar de San Cibrao e que ata os anos 70 amparou a escola da vila.
A primeira hora da mañá, Antonio Veiga e Encarna Lago recibiron, acompañados por un grupo de rapaces e rapazas da vila, aos alumnos e alumnas do curso 1969/70 do antigo Centro Educativo José Manuel Fernández Montenegro. De forma conxunta, as dúas xeracións leron varios textos literarios nos que o mar era o protagonista indiscutible. Os antigos alumnos e alumnas do profesor Rivera Casas aproveitaron a súa visita para doarlle ao Museo do Mar un dos pupitres nos que estudaban a finais dos setenta e unha maqueta dun barco. Xa pola tarde, e logo do descubrimento da placa honorífica, o alumnado da escola Fernández Montenegro e numerosos veciños participaron nun coloquio no que unha maqueta dunha embarcación da época, realizada polo mariñeiro e veciño da zona, Cipriano Ponte, centrou boa parte dos seus comentarios ao ser elixida coma o símbolo dunhas datas nas que San Cibrao comeza a ser centro cultural de referencia da Comarca da Mariña.
Os actos conmemorativos do 40 aniversario do Museo Provincial do Mar rematan mañá, domingo 11 de outubro. Ás 12:30 horas, este espazo cultural acollerá a actuación do músico Antón Castro. Ás 17:00 horas o relatorio do documentalista pontevedrés Lino Pazos sobre a caza das baleas e, por último, ás 19:00 horas, a actuación do grupo musical Clan Maragato.