SANTIAGO .- O resultado dunha auditoría propia realizada por Sanidade mestura listas de citas informatizadas a pacientes con citas sin informatizar e con pacientes pendentes de cita, para concluír que hai 71.224 persoas pendentes de rexistrar nunha lista oficial. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ofreceu os resultados segundo os que se detectaron “46.373 citas de consultas de pacientes xa atendidos pero que non estaban informatizadas”, 19.523 consultas que “estaban pendentes de citar e non mecanizadas” e 5.328 “pacientes estaban desprogramados indefinidamente, é dicir, pendentes de ser citados”. Sanidade conclúe que a súa “auditoría pon de manifesto a existencia dun total de 71.224 pacientes non rexistrados na lista de espera oficial”.
Polo que respecta a Mariña non se aprecian datos específicos da area sanitaria.
REFERENCIA
A AUDITORÍA DE LISTAS DE ESPERA CERTIFICA QUE O BIPARTITO DEIXOU UN TOTAL DE 71.224 PACIENTES NON REXISTRADOS NA LISTA DE ESPERA OFICIAL
O novo Goberno xa iniciou a inmediata informatización de todas as solicitudes de prestacións pendentes de citar, a fin de programar, o antes posible, a estes pacientes
Están a adoptarse outras medidas coma o reforzo das tarefas de control realizadas polos servizos de admisión, a adaptación progresiva dos sistemas tecnolóxicos para proporcionar información personalizada, ou a habilitación dun sistema de priorización, entre outras
A conselleira de Sanidade destacou o compromiso claro de transparencia para que a cidadanía coñeza o tempo real da espera, e apostou por dirixir a Sanidade pública cunha xestión eficaz, rigorosa e eficiente
Pilar Farjas destacou que a 30 de setembro a espera cirúrxica é de 92 días, a mesma que en setembro do ano anterior
A lista de espera de consultas e probas diagnósticas é de 79 días, catro días máis que na mesma data do ano anterior, e que sería de 75 días ?os mesmos que en setembro de 2008- se non se contabilizasen aos pacientes non rexistrados
Santiago, 21 de outubro de 2009.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presentou esta mañá os resultados da auditoría de listas de espera elaborada polos equipos directivos dos distintos centros sanitarios galegos. Esta auditoría pon de manifesto a existencia dun total de 71.224 pacientes non rexistrados na lista de espera oficial.
Farjas Abadía avanzou que en concreto detectáronse un total de 46.373 citas de consultas de pacientes xa atendidos pero que non estaban informatizadas, e por tanto o tempo de espera non estaba contabilizado en ningún rexistro. Os hospitais que se atopan nesta situación son os complexos hospitalarios universitarios de Vigo e A Coruña, os complexos hospitalarios de Pontevedra, Ourense, Xeral-Calde, Monforte e Área Sanitaria de Ferrol.
Outras 19.523 consultas detectadas pola auditoría estaban pendentes de citar e non mecanizadas no rexistro oficial nos hospitais de Barbanza, Ourense, Salnés, Ferrol, Burela e no CHU A Coruña. Ademais, outros 5.328 pacientes estaban desprogramados indefinidamente, é dicir, pendentes de ser citados, principalmente nos hospitais de Barbanza e o no hospital da Costa.
A auditoría realizada para coñecer a situación real actual da situación dos pacientes en espera conclúe cunha serie de incidencias detectadas nas listas de espera cirúrxica como que existen erros no rexistro das datas que se toman como base para o cómputo da lista. Outra das conclusións aborda a importancia de mellorar os sistemas de información para garantir a homoxeneidade entre centros.
Tamén detectou que no rexistro non se incluíron todas as intervencións cirúrxicas, para as que o hospital tiña previsto o uso dun quirófano, isto é que a espera asociada a esas intervencións non queda rexistrada. A auditoría evidencia tamén unha falla de coordinación entre os servizos de admisión e o servizos clínicos para establecer os criterios de priorización e indicación cirúrxica.
Con respecto das listas de espera de consultas e probas diagnósticas ou terapéuticas, a auditoría detectou que os criterios de indicación de probas non están protocolozados nin consensuados na maioría dos casos, o sistema de priorización non asegura a equidade no acceso a varias especialidades, existen pacientes pendentes dunha primeira consulta ou proba non incluídos no rexistro de listas de espera, e non está garantido que cada paciente reciba información personalizada sobre a espera prevista, en relación co seu proceso asistencial.
Compromiso de transparencia e rigor na xestión
Pilar Farjas destacou o importante esforzo que están a facer a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través desta auditoría como un exercicio de transparencia para coñecer a realidade actual sobre as listas de espera e para dar a coñecer a toda a cidadanía galega a situación real das esperas de todos os usuarios.
A titular da Sanidade galega destacou así mesmo as cifras que relacionan a espera media coa actividade extraordinaria nos hospitais galegos nos últimos anos. Así, no ano 2008 a actividade autoconcertada supuxo 26 millóns de euros e o exercicio rematou cunha espera media cirúrxica de 92 días, exactamente a mesma espera media que neste 2009.
Estes datos poñen de manifesto a importancia de implantar unha boa xestión e coordinación na actividade ordinaria dos centros. Farjas Abadía reiterou o compromiso do seu departamento en promover, en coordinación coas xerencias de todos os hospitais, unha reorganización asistencial para conseguir un sistema razoable, como o que queren a maioría de facultativos, e que redundará nunha xestión máis eficaz, rigorosa e eficiente de cara ao paciente.
Actuacións xa postas en marcha
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, destacou que o novo Goberno está a proceder xa ao rexistro inmediato de todas as solicitudes que estaban fora do rexistro de lista de espera, así como xa se procedeu de inmediato á informatización de todas as consultas pendentes de citar, a fin de programar, o antes posible, aos pacientes e computar a súa espera na próxima publicación.
Farjas Abadía avanzou así mesmo que o departamento sanitario adoptou outras medidas e accións de mellora en consultas e probas diagnósticas e terapéuticas como o reforzo das tarefas realizadas polos servizos de admisión, garantes da boa práctica na xestión das listas de espera.
Tamén se están a implementar actuacións para ofrecer a todos os pacientes un tratamento da forma máis áxil e efectiva posible, así estase a realizar unha adaptación progresiva dos sistemas tecnolóxicos para proporcionar información personalizada aos pacientes en espera. Outra das medidas é a habilitación dun sistema de priorización axeitado a cada paciente en función das características clínicas e funcionais da súa patoloxía previamente consensuados.
En definitiva, engadiu Farjas Abadía, a Consellería de Sanidade traballa na mellora da eficiencia das listas de espera mediante o establecemento de circuítos que coordinen as actividades clínicas e as administrativas, criterios consensuados de inclusión e xestión en lista de espera, determinación de responsabilidades e funcións dos profesionais implicados, e indicadores de garantía de tempos de espera e xestión óptima de recursos.
Datos reais a 30 de setembro
O tempo medio de espera na lista cirúrxica a 30 de setembro é de 92 días, exactamente a mesma cifra que o ano pasado nesta data.
As especialidades que mais diminuíron a espera son as de cirurxía cardíaca (baixou 63 días), dermatoloxía (diminuíu 12 días), cirurxía pediátrica (baixou en oito días a espera media), traumatoloxía (catro días), e cirurxía xeral e dixestiva (diminuíu un día a espera media) que aglutinan ao 48 por cento dos pacientes na lista de espera.
En canto ao tempo medio de espera para unha consulta inicial a 30 de setembro é de 79 días, catro días máis que na mesma data do 2008, incluíndo xa a todos os pacientes que non estaban rexistrados.
Pilar Farjas Abadía destacou que de xeito global, eliminando o impacto dos pacientes non rexistrados na espera media, esta situaríase en 75 días de espera media, é dicir, a mesma cifra do ano anterior. É preciso ter en conta ademais, que un total de 46.373 pacientes atendidos estaban sen rexistrar e polo tanto nunca computaron nas cifras de espera media, polo que non é posible coñecer o seu impacto nas mesmas ao descoñecer o tempo que esperou cada un destes pacientes.
Diminuíron neste período interanual as especialidades de anxioloxía e cirurxía vascular, cirurxía pediátrica, xeriatría, dermatoloxía, unidade de dor, traumatoloxía e cirurxía maxilofacial, oncoloxía médica, oftalmoloxía, neuroloxía, neurocirurxía, endocrinoloxía, cirurxía torácica, e otorrinolaringoloxía.
Todas estas especialidades, xunto con cirurxía cardíaca infantil e cirurxía xeral e dixestiva que mantiveron a súa espera media, supoñen o 53 por cento dos pacientes en espera. As esperas aumentan en uroloxía e en xinecoloxía, especialidades con alta frecuencia de actividades preventivas, e tamén en dixestivo e reumatoloxía